A Deputación aproba a creación da rede Ágora para impulsar a ampliación do espazo peonil
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a creación e o protocolo de actuación da rede de Concellos Ágora polo espazo público impulsada polo departamento de Mobilidade.
Segundo explica o deputado Uxío Benítez, responsable da iniciativa, os gobernos locais poderán comezar de maneira inmediata a tramitar a súa adhesión para traballar no obxectivo de multiplicar o espazo destinado ás persoas no horizonte de 2023.
Este proxecto foi presentado en reunión telemática o pasado 14 de maio ante os alcaldes da provincia, e pretende ser unha rede de acción institucional que implante o modelo de mobilidade nas actuacións propias dos concellos e non só nas vías dependentes da institución provincial.
A adhesión á rede é voluntaria, abríndose un primeiro prazo de participación para presentar a documentación ata o próximo 31 de agosto.
No protocolo de actuación inclúense varios deberes por parte da Deputación, como son impulsar iniciativas, liñas de subvencións e programas de axudas en beneficio dos concellos para proxectos de recuperación do espazo público e de fomento das mobilidades alternativas; xestionar a captación de recursos externos para mellorar o financiamento do proxecto, sobre todo liñas de financiamento europeo; e poñer ao dispor dos concellos adheridos persoal técnico especializado.
Pola súa banda aos gobernos municipais esixiráselles incrementar de maneira substancial os espazos públicos orientadas ás persoas, así como infraestruturas de mobilidade alternativa como senllas peonís e ciclistas.
Ademais os concellos deberán garantir nas súas obras itinerarios continuos e libres de obstáculos cun ancho mínimo de 2,5 metros e terán que elaborar un Plan de Mobilidade Sostible.
Relacionadas:
-
750.000 euros de subvencións Ágora irán destinados a gañar espazo público e crear novas sendas peonís
Por Redacción |
-
Colexios oficiais e asociacións de consultorías e empresas únense á Deputación para recuperar espazo público
Por Redacción |
-
44 concellos pontevedreses adhírense a Rede Ágora para incrementar o espazo público
Por Oskar Viéitez |
-
Marín adhírese á Rede de Concellos Ágora
Por Redacción |
-
A Deputación crea unha rede de acción institucional para traballar cos concellos na recuperación do espazo público
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |