O PAAR de Campo Lameiro presenta a súa programación de verán
Por Redacción
O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro, dependente da Xunta de Galicia, adianta este ano a súa presentación da programación especial do verán coa idea de ofrecer unha proposta de ocio cultural familiar con dúas novas actividades, O Diario Perdido e Petroquiz, que se engaden ás propostas de éxito do parque como a visita clásica, Atardeceres e Noitepedras, con renovadas temáticas e itinerarios.
Segundo trasladan dende a Xunta, a programación iniciarase o vindeiro día 19, desenvolverase de martes a domingo e terá como prioridade propor unha oferta cultural segura.
Con respecto as novidades, as familias poderán escoller cada día entre dúas opcións: Petroquiz, unha visita guiada que remata nun divertido concurso de preguntas, todos os días ás 18:00 horas; e o Diario Perdido, que consiste nun circuíto exterior para descubrir de forma autónoma e sen límite de tempo diferentes aspectos da Prehistoria de Galicia, para o que cómpre completar as páxina dun antigo diario de campo. Deste xeito, o público familiar continuará gozando do parque como xa pasou con outras actividades semellantes, como Invernía ou Prehistorix, pero adaptando as novas propostas ás necesidades de distanciamento social.
O público xeral, que deberá consultar as normas das instalacións antes da visita, ten a posibilidade de realizar todos os días a ruta clásica, ás 12:00 e 19:30 horas, que inclúe un percorrido polos principais petróglifos do parque; decantándose durante as fins de semana por outras opcións como Atardeceres (os sábados ás 19:00 horas), un paseo para descubrir a arte rupestre e paisaxe do parque, ou Noitepedras (os venres ás 22:00 horas), que consiste nunha experiencia lumínica e guiada nocturna. Ambas as dúas incorporan novidades, Atardeceres cun novo itinerario e temática, e Noitepedras con luces led con filtros de diferentes cores.
Así mesmo, a Xunta lembra que a programación do verán 2020 foi deseñada para cumprir as medidas de seguridade necesarias pola irrupción da covid-19, incidindo no distanciamento social, control de aforo e medidas hixiénico-sanitarias. Por esta razón é obrigada a reserva previa de praza en todas as actividades a través do teléfono 886 151 195 ou ben no correo reservas@paar.es
Relacionadas:
-
Campo Lameiro activa o seu escaparate comercial virtual a través da súa nova páxina web
Por Redacción |
-
O Centro de Interpretación de Petróglifos de Mogor volve recibir visitas este sábado
Por Redacción |
-
O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre márcase obxectivo: 20.000 visitas
Por Boris Rodríguez Pintos |