'Os avós' do CAAN, Apro e Coqui, atopan un fogar despois de seis e catro anos no centro de acollida
Por Redacción
Os avós do CAAN, Apro e Coqui, por fin atoparon un fogar.
Os dous animais entraron no CAAN sendo só uns cachorros e viviron no centro da Deputación de Pontevedra os seus seis e catro anos de vida respectivamente. Pero despois de tan longa espera, 'os avós' do Centro de Acollida e Protección de Animais da Armenteira, atoparon por fin un novo fogar e ambos xa son os mellores compañeiros para as súas estreadas familias en Madrid e Marbella.
Apro converteuse no can que levaba máis tempo no CAAN trala marcha de Bertín, no mes de decembro do pasado ano. Entrou en xullo do 2014 sendo un cachorro de só tres meses e fora recollido polo persoal do centro tras ser abandonado en Barcela, no concello de Arbo. A propia presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo varios chamamentos para a súa adopción ata que esta finalmente tivo lugar hai unhas semanas, cando Apro partiu para
Madrid xunto a outro can do centro, Mondo, recollido en Meaño hai un ano.
Ambos animais son moi semellantes, cruces de grifón. As adopcións foron posibles grazas á mediación de dúas veciñas de Pontevedra, Rosa Sines e Lupe Vázquez, que xa colaboraran con anterioridade para dar saída a outros animais do CAAN e facilitaron o traslado dos cans. Sines destacou que "Apro, que agora se chama Bico, se atopa fenomenal e está a adaptarse moi ben á súa nova familia, de orixe galega, e vive nunha casa de campo na comunidade madrileña".
Trala súa marcha, o relevo como avó do CAAN o recollera Coqui, que entrou nas instalacións da Armenteira en xaneiro do 2016. Era entón un cachorro de tres meses e fora recollido no concello de Silleda, en concreto no lugar da Cira. Pero a súa condición de veterano tamén durou pouco, xa que a pasada semana Coqui xa viaxou ata Marbella, onde foi adoptado por Andree Marie Zanussi.
Esta cidadá de orixe italiana coñeceu ao can pola imaxe que compartiu en redes sociais unha protectora que colabora habitualmente co CAAN e foi a súa filla, Mia, de seis anos de idade, a que elixiu a Coqui como novo compañeiro de xogos, agora baixo o nome de Cuore (corazón en italiano).
Zanussi sinala que "desde sempre tiven cans e cadelas, nunca comprados, senón adoptados, e tampouco me fixo nos cachorros, porque teñen saída más fácil. Por iso sempre opto polos que levan moito tempo. Neste caso Coqui levaba catro anos e paréceme moito", explica.
"Acabamos de mudarnos a unha casa e a miña filla xa ten seis anos, así que pensei que era un bo momento, porque eu tamén crecín con cans". A nova dona de Coqui engade que chegou o venres 4 de xuño moi asustado despois da longa viaxe, pero pouco a pouco cada día vai tomando máis confianza; é un can moi bo e este pasado domingo desfrutou do seu primeiro día de paseo preto da praia.
Andree Zanussi destacou tamén as facilidades para realizar a tramitación da adopción no CAAN, co que tivo o primeiro contacto días antes de que comezara o confinamento. "Supuxen que as adopcións ían estar paradas e esperamos", agrega.
Relacionadas:
-
Rescatan 28 cachorros de catro camadas nas últimas dúas semanas
Por Redacción |
-
Un verán con bo ritmo de adopcións no CAAN: 57 en xullo, 62 en xullo e 24 no que vai de agosto
Por Redacción |
-
A Deputación inaugura as remocicadas instalacións da CAAN cos mellores datos de adopcións ata a data
Por Redacción |
-
RADIO.- Podcans: Que son e como se traballan as distancias de interacción co can
Por Redacción |
-
'Pipa' e 'Comba', dúas "felices recuperacións" no CAAN tras ser operadas de urxencia en pleno estado de alarma
Por Redacción |
-
29 cans adoptados na primeira semana de reapertura do CAAN
Por Redacción |
-
O Centro de Acollida de Animais da Deputación volve tramitar adopcións de cans
Por Redacción |