Unha parella de Bueu, investigada por un presunto delito de tráfico de drogas
Por Redacción
A Garda Civil informou este luns da investigación penal aberta contra unha parella de Bueu por un presunto delito contra a saúde pública.
En concreto, informa a Benemérita, a parella foi sorprendida nun punto habitual de trapicheo cando levaban consigo varias doses de heroína e cocaína dispostas para a súa venda.
Os feitos remóntanse ao pasado venres 12 de xuño, cando patrullas de seguridade cidadá da Compañía de Garda Civil de Pontevedra detectaron a presenza dunha xove, veciña de Bueu, que camiñaba por unha zona frecuentada por consumidores habituais de estupefacientes, na estrada PO-551 (Marín-Rande) no lugar de Cubela.
Trátase dunha moza de 23 anos que, xunto coa súa parella, de 33 anos, teñen un amplo historial policial derivado do tráfico e consumo de drogas. Unha vez interceptada atopáronselle e interviñeron nove envoltorios de plástico termo-selados: cinco deles de heroína e o resto de cocaína.
Ademais nas proximidades do lugar localizouse o seu vehículo, onde dentro dunha mochila que alí se atopaba os axentes localizaron un bote de lambetadas que contiña outros doce envoltorios plásticos con heroína. Aínda por riba, no maleteiro a Garda Civil atopou tres garrafas con restos de gasóleo e unha mangueira de máis de 30 metros, supostamente utilizadas para a subtracción do combustible.
Pouco despois a Garda Civil localizou á súa parella preto do lugar, intervíndolle un envoltorio de cocaína e outro bote de lambetadas, nesta ocasión baleiro, e 160 euros en efectivo.
Ambos foron notificados na súa condición de investigados como supostos autores dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas, polo que deberán comparecer perante o Xulgado de Instrución de Garda de Marín, onde os axentes entregaron as dilixencias.