Comeza a expropiación de parcelas para a construción da Residencia de Carballedo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de iniciar o expediente do procedemento de expropiación forzosa de 10.688 metros cadrados de solo rústico recollidos no Plan Especial de Dotacións para a construción da Residencia da Terceira Idade de Carballedo despois de que o pleno da corporación municipal aprobara por unanimidade este luns, en sesión extraordinaria, a correspondente tramitación.
Este expediente de ocupación, derivado do Plan Especial de Dotacións aprobado o pasado mes de decembro, recolle a afección de cinco parcelas de solo rústico ubicadas nas inmediacións da casa consistorial, do centro de saúde e do novo aparcadoiro público de Carballedo. Estes terreos, que superan lixeiramente a hectárea de superficie, pasan xa a pertencer a un proxecto de interese público xeral como é o xeriátrico e por elo vaise proceder á súa expropiación.
Paralelamente, o Concello tamén vai encargar de inmediato a redacción do prego técnico da obra co obxectivo de seguir cumprindo co cronograma deste proxecto.
O goberno local leva dous anos traballando nesta iniciativa, que ten completada toda a súa tramitación urbanística e conta co informe favorable da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, co obxectivo de acadar unha segunda residencia pública no municipio xunto coa que se está a construír en Cerdedo.
Cómpre sinalar que o executivo que dirixe Jorge Cubela ten reservadas partidas específicas, nos Orzamentos Municipais 2020 actualmente en vigor, tanto para o pago das expropiacións como para a redacción do proxecto.
A nova residencia emprazarase en cinco parcelas que suman 10.688 metros cadrados e terá unha superficie de 3.304 metros tras un investimento duns 3 millóns de euros. Nunha primeira fase contará con capacidade para 59 residentes, aínda que será susceptible de duplicarse, e xenerará unha vintena de postos de traballo.
"Estamos a facer unha gran xestión con moito traballo para sacar adiante de xeito eficiente o plan especial, as expropiacións, os permisos urbanísticos e o proxecto. É un proceso que supón moito esforzo, pero paga moito a pena porque nos permitirá atender do mellor xeito aos nosos maiores e dependentes e tamén vai ser un importante foco económico e de emprego. Ademais, cos calendarios previstos, e se non hai atrancos, agardamos que esta nova residencia estea rematada e en funcionamento antes de que conclúa este mandato", explicou o rexedor local.
Relacionadas:
-
Unha única empresa opta ao contrato de construción da residencia de maiores e centro de día de Carballedo
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade xa ten os terreos para construír a residencia de maiores de Carballedo
Por Redacción |
-
O grupo socialista de Cerdedo-Cotobade solicita a creación dun centro de día en Carballedo
Por Redacción |
-
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, acusa ao PSOE provincial de mentir sobre as residencias de maiores que promove a Xunta
Por Redacción |
-
O Concello aproba o Plan Especial da Residencia de Carballedo
Por Redacción |
-
Paso adiante para a construción da Residencia da Terceira Idade en Carballedo
Por Redacción |