Que podemos facer se o veciño non limpa a súa parcela?
Por María José Pita
Un veciño de Pontevedra facíanos chegar unhas fotografías dun terreo situado na rúa Juan Carlos I onde a maleza está a xerar un problema para as vivendas da contorna. Non é a única parcela que se atopa nese estado na cidade. Por iso, trasladámoslle o tema á concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.
Iván Puentes, o edil responsable, indícanos que, se o terreo é de titularidade pública, o Concello encárgase de toda a súa xestión. O problema xorde cando se trata dunha propiedade privada, xa que neste caso hai que seguir un protocolo que, se non hai colaboración do propietario, pódese alongar durante meses.
"O que hai de fondo é un conflito entre particulares, un veciño que ten unha parcela e outro que ten unha parcela anexa que está chea de maleza e que afecta á parcela do veciño, digamos, prexudicado", comenta Puentes.
- Como podemos resolver estes casos?
Iván Puentes: A persoa afectada neste caso formula unha denuncia, ben chamando á policía local ou ben presentando un papel por Rexistro no Concello dicindo que hai unha finca que está nestas condicións de maleza e que, polo que sexa, lle prexudica. O Concello ante esa denuncia inicia un procedemento que consiste, primeiro, en contactar co propietario desa parcela denunciada e se lle envía unha notificación recordándolle a obriga legal que ten de manter a parcela en perfecto estado de salubridade e de limpeza e se lle dá un prazo para executar esa limpeza. Entón poden pasar dúas cousas: a maioría de propietarios actúan, limpan a súa parcela e o problema queda resolto, ou pode ocorrer que non o fagan.
- E como actúa o Concello cando o dono do terreo non realiza a limpeza, malia ser avisado?
IP: Comunícaselle novamente dándolle un novo prazo e así ata tres veces. Se á terceira vez a persoa en cuestión non cumpriu con ese requerimento do Concello, iniciamos un novo procedemento, que neste caso se chama de execución subsidiaria e que consiste en que, cos permisos oportunos, xa que estamos entrando nunha propiedade particular, o Concello accede a esa parcela, límpaa, desbrózaa e pona nas condicións que se ten que poñer e logo se lle pasa a sanción correspondente ao propietario máis o coste de limpeza desa finca que, se non o paga, no momento no que teña que abonar calquera imposto municipal se lle grava aí ese coste.
- Dá a sensación de que con todos estes trámites o proceso é longo
IP: É verdade que é lento porque a lei nos obriga a dar uns prazos de notificación e uns prazos de capacidade de actuación, digamos, por parte dos propietarios, ou finalmente ter que facelo o Concello de oficio, que é unha actuación da que se lle informa ao propietario nas notificacións.
- Se non sabemos os datos do propietario do terreo, podemos facer a denuncia igualmente?
IP: O veciño o único que fai é ubicar a parcela, dicir que está en tal rúa e o número. De feito, os datos de propiedade non son especialmente públicos. E o Concello coa ubicación que nos di o veciño averigua, habitualmente no Catastro ou se non no Rexistro da Propiedade, quen é o propietario ou propietarios da parcela e o seu enderezo, e se lles fai unha notificación.
- Coa chegada do bo tempo, están a realizar máis actuacións no que respecta aos terreos privados?
IP: Executamos ese tipo de procedementos en toda a cidade e todo o ano. Quizais a acción máis chamativa foi unha limpeza que fixo o Concello na rúa San Antoniño haberá sobre un mes, que era unha parcela inmensa cunha maleza que chegaba a máis arriba do segundo piso dos edificios colindantes. Entrouse alí, desbrozouse e limpouse todo. É máis, o Concello vai facer unha actuación a maiores, xa que a parcela está máis baixa que a cota da beirarrúa e do terreo, e imos poñer unha barandilla para evitar que a xente poida caer ou entrar nesa parcela.
- Isto no referido aos propietarios privados pero, que ocorre se a parcela é municipal?
IP: Se é unha parcela pública xa a deberiamos ter nós ben mantida sen necesidade de que ninguén denuncie. Por exemplo, os parques que son públicos dende hai tempo están no contrato de mantemento de Parques e Xardíns e límpanse e desbrózanse regularmente. Un caso típico dos que me falas pode ser o das promocións inmobiliarias de construción de edificios de vivendas que sempre levan parella unha cesión de terreo ao Concello para zona verde ou para facer máis amplo o vial que pasa por diante. Son cesións que van chegando a contagotas ao Concello e ata que se incorporan á dinámica de parques e mantemento de espazos normalmente pasa tempo e vai crecendo a maleza. Neses casos, se a nós se nos despista, non fai falla denuncia: o veciño chama por teléfono ao Concello, ou manda un correo electrónico, ou un papel polo Rexistro, tomamos nota e xa imos a limpar inmediatamente porque aí non temos que facer ningún tipo de trámite porque é noso, é como se fósemos un propietario particular coa súa parcela.
Aclaradas todas estas dúbidas, e como remate, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural insiste na importancia de que os particulares denuncien, porque é a única maneira de que o Concello poida poñer en marcha o procedemento para solucionar o problema cos terreos en mal estado, ben coa colaboración do propietario ou ben actuando de oficio.
Relacionadas:
-
Unha propietaria desesperada: "Na miña vivenda xa hai buracos de ratas desas de río, non ratos"
Por María José Pita |
-
Limpeza e desinfección da praia fluvial do Lérez para o paso á 'nova normalidade'
Por Redacción |
-
Parques e Xardíns restaura os bancos e o valado do regato de Mollabao
Por Redacción |
-
Avanza a 'cruzada' municipal contra os vehículos abandonados na rúa coa vía libre á retirada de dez
Por Redacción |