A Policía Local de Marín detén un home por incumprir unha orde de afastamento
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Marín informou este martes de varias actuacións que levaron a cabo durante a pasada fin de semana.
Dentro do programa ao que está adscrita a Policía local para realizar un seguimento integral das vítimas de violencia de xénero, recibiuse a chamada dunha muller para denunciar que o seu agresor estaba a incumprir a orde de afastamento que ten interposta, xa que se atopaba sentado ao seu lado nunha terraza, increpándoa.
Os axentes desprazáronse ata o lugar e comprobaron que efectivamente a orde estaba vixente, polo que procederon á súa detención como autor dun quebrantamento de condena. Este home pasou a disposición xudicial, tendo que presentarse no xulgado cando sexa requirido.
AGRESIÓN A UN POLICÍA
O venres, os axentes do corpo de seguridade local informaron que se localizou a unha persoa con requirimento nacional de detención e comparecencia no xulgado.
Procederon á súa detención nas proximidades da súa vivenda, momento no que o home reaccionou violentamente, empuxando a un dos axentes e golpeando ao outro no brazo. Así, o detido conseguiu zafarse e fuxir.
Tras dous días, o individuo entregouse voluntariamente nas dependencias policiais, polo que foi finalmente detido por un presunto delito de atentado contra un axente da autoridade e desobediencia grave.
DESOBEDIENCIA
O sábado na Praza de España a Policía Local tivo que intervir por unha persoa que estaba a vociferar, con aspecto alterado e que se negou a identificarse diante da patrulla. Neste momento, o individuo insultou aos axentes e reaccionou violentamente, propinándolle unha patada a un deles e causoulle unha lesión nun dedo ao outro durante o forcexeo para a súa detención.
Finalmente, os axentes conseguiron deter ao home polos presuntos delitos de atentado á autoridade, de desobediencia e de resistencia.