O CIFP Carlos Oroza e o IES Montecelo, premios Demo day de "Depoemprende na FP"
Por Redacción
O talento emprendedor da xente máis nova exhibiu este martes o seu grande músculo no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra no acto de entrega dos Premios Demo Day aos proxectos gañadores da nova edición de "DepoEmprende na FP", que corresponderon ao CIFP Carlos Oroza e o IES Montecelo.
O xurado destacou "o excelente nivel dos traballos" que na categoría de Grao Superior, outorgou o primeiro premio (700 euros) ao CIFP Carlos Oroza polo proxecto "Animal Lovers".
"Animal Lovers", realizado polas alumnas Nuria Pintos e Nuria Franco, do Ciclo superior de Aloxamentos Turísticos do Carlos Oroza, baséase na posta en marcha dun establecemento destinado a satisfacer as necesidades que se dan á hora de viaxar con mascotas. Trátase dun hotel rural onde os protagonistas son os animais de compañía das persoas que se hospedan, con aloxamento e coidados específicos para as mascotas.
En canto á categoría de Grao Medio, o premio dotado con 700 euros foi para o IES Montecelo polo proxecto empresarial "Camiñando", ideado por Andrea Abal, José Carlos Rodríguez e Julián Sevilla, do Ciclo Medio de Farmacia e Parafarmacia. É unha iniciativa que ofrece a montaxe e comercialización dun kit con produtos para o coidado persoal dos peregrinos, utilizando unha cabaza como envase que despois pode conservarse como un recordo da experiencia vivida polos Camiños de Santiago.
Na entrega de premios, na que participaron o profesorado e o alumnado, Carmela Silva salientou que estaba "abraiada cos tres proxectos premiados" porque "teñen moito futuro, xa que cada unha destas iniciativas están capacitadas para ter viabilidade, son demandas reais que hai no sistema económico".
A presidenta provincial aproveitou para reivindicar o papel da formación profesional a que considerou "fundamental para o futuro da nosa provincia e do conxunto do estado, como un bo camiño para xerar riqueza e emprego de calidade". Tamén reclamou "unha aposta máis forte de todas as administracións pola FP", e aplaudiu as palabras dos alumnos que fixeron un canto ao optimismo e á actitude como canles axeitados para conseguir os soños.
Relacionadas:
-
Estudantes do Carlos Oroza e de Vitoria intercambian receitas tradicionais galegas e vascas
Por Redacción |
-
A Deputación entrega os seus premios ao emprendemento nas aulas
Por Redacción |
-
Alumnado do Carlos Oroza fórmase sobre a produción e comercialización de licores de Galicia
Por Redacción |
-
Tres centros educativos pontevedreses conseguen catro premios en concursos da Xunta para estudantes
Por Redacción |
-
Dez cooperativas de oito centros de educación secundaria participan en "DepoEmprende na ESO"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |