Os futuros perruqueiros do Frei Martín Sarmiento formaranse con todas as garantías sanitarias
Por Manu Otero
Máscaras, luvas e material de seguridade do almacén do departamento de Imaxe Persoal do Frei Martín Sarmiento foi doado durante as semanas máis críticas da pandemia ao Sergas. E non quedaron sen existencias porque "xa os empregabamos a diario antes de ser obrigatorios, pero a partir de agora xeneralizaremos aínda máis o seu uso", explica a xefa do departamento de Imaxe Persoal do instituto pontevedrés, Mercedes Dios.
Neste centro prepáranse xa para abrir nos próximos días o período de matrículación para o próximo curso, no que a seguridade dos alumnos e dos voluntarios que acudan ás prácticas estará garantida.
"Sempre utilizamos material estéril ou dun só uso. A seguridade e hixiene é máxima", remarca a coordinadora para despexar calquera tipo de temor acerca dunhas titulacións cuxas clases teñen unha alta porcentaxe de sesións prácticas na que non sempre é posible manter a distancia de dous metros entre persoas.
Maquillaxe, manicura, pedicura, estilismo masculino e feminino... O catálogo de módulos das titulacións deste departamento é completo e constitúe unha opción moi atractiva para decenas de estudantes de todas as idades. Un que está en auxe nos últimos anos é o ciclo medio de perruquería, que se oferta tamén en formato modular (en horario de tarde; o ordinario ten horario de mañá e tarde), modalidade que na provincia só está dispoñible en Vigo e Pontevedra.
"Non ten límite de idade, é un sistema para adultos que queiran reciclarse, para adquirir novos coñecementos ou para traballadores que exercen sen titulación", explica a coordinadora o perfil cara ao que vai dirixido esta oferta modular na que poderán matricularse ata 40 estudantes.
"O sector ten un grao de diversifiación moi alto, a barbería masculina está en auxe", ilustra Mercedes para destacar as múltiples saídas laborais desta titulación que desde o instituto cren que aínda é pouco coñecida.
A oferta modular permite ao alumno matricularse por materias en lugar de facelo por cursos. Deste xeito, cada estudante pode compaxinar os seus estudos co seu horario laboral ou familiar.
Ademais, nos últimos anos alumnos desta titulación chegaron a ser gañadores do concurso galego de barbería ou a exercer como profesores no centro despois de terminar os seus estudos.
Relacionadas:
-
A Praza de Ourense converterase en setembro nun 'mini salón' de estética e perruquería
Por Redacción |
-
VÍDEO.- A Afouteza da comunidade educativa do Frei Martín Sarmiento ante o Covid-19
Por Redacción |
-
O Salón Edugal presentará as ofertas educativas máis inclusivas e sustentables na edición deste 2020
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O alumnado do IES Frei Martín Sarmiento axítase a ritmo de rap pola memoria histórica
Por Sara Iglesias |