A Xunta reforza o dispositivo de prevención e control de incendios forestais durante o verán
Por Redacción
O comité provincial de coordinación policial antiincendios para a campaña de alto risco de incendios forestais que comezará o 1 de xullo reuniuse este mércores co obxectivo de planificar as actuacións que levarán a cabo en materia de prevención.
Formado por representantes das diferentes forzas e corpos de seguridade do Estado, as delegadas territoriais da Xunta en Pontevedra e Vigo, Ana Ortiz e Marta Iglesias; e membros da xefatura de Medio Rural, a reunión serviu para ultimar os detalles da vixilancia, disuasión e control da actividade incendiaria con vistas ao comezo da tempada.
Con estas premisas, estableceuse unha distribución dos diferentes efectivos sobre o territorio, prestando especial atención a aquelas áreas con maior incluencia deste tipo de actuacións.
Durante a cita analizouse tamén a situación das Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) caracterizadas polo número de incendios forestais reiterados ou pola gran virulencia dos lumes detectados. Na provincia teñen esta cualificación as parroquias de Valeixe e Pontellas na Cañiza e O Porriño.
As novidades do Plan de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) implementa este verán un completo e detallado documento de prevención que supoñerá actuar en 46.000 hectáreas e en preto de 5.800 quilómetros de pistas e estradas galegas.
As delegadas territoriais aproveitaron a súa interveción para apelar á responsabilidade da cidadanía e animar ás testemuñas para chamar ao 900 815 085 ante calquera indicio de actividade delituosa debido a que en Galicia tres de cada catro incendios forestais son intencionados.
Ademais, manteñen activo o teléfono gratuíto de alertas ante calquera tipo de lume forestal no 085.
Relacionadas:
-
Comeza a tempada de alto risco de incendios e quedan prohibidas as queimas agrícolas e forestais
Por Redacción |
-
Os bombeiros forestais alertan do risco das queimas agrícolas, que provocaron dous incendios esta semana
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
Os concellos reciben a subvención da Xunta para contratar persoal dedicado á prevención de incendios
Por Redacción |
-
A partires do vindeiro luns 11 de maio poderán tramitarse os permisos de queimas
Por Redacción |
-
A loita contra o lume contará a partir do luns con 48 brigadas terrestres en Pontevedra
Por Redacción |