O Plan de loita contra a ‘vespa velutina’ reforza os equipos de intervención para a retirada eficaz dos niños
Por Redacción
A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acordaban poñer en marcha o Plan de loita contra a ‘vespa velutina’, un amplo programa de actuacións que se están a desenvolver nos 284 concellos adheridos, o que supón o 90% dos municipios galegos.
Dentro destas actuacións, o Goberno galego está a reforzar o operativo da empresa pública Seaga para a retirada e destrución de niños nestes meses, nos que se concentra a maior proliferación desta especie.
Este plan coordinado cos concellos dá continuidade ás actuacións que o Goberno autonómico vén desenvolvendo dende 2014, ano no que comezaba un programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da avespa asiática na comunidade.
O Plan de loita contra a ‘vespa velutina’ conta cunha dotación de 2,3 millóns de euros a través de fondos propios da Administración autonómica e do Fondo de Cooperación Local. Con estas accións coordinadas trátase de concentrar recursos para eliminar os niños cunha resposta eficaz e de forma homoxénea en todas as zonas afectadas.
REFORZO DOS MEDIOS HUMANOS E MATERIAIS
En 2020, as actuacións por parte dos equipos de intervención de Seaga comezaban o 20 de xaneiro. Para abarcar todo o territorio galego, establecéronse cinco centros base en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
A dotación de persoal e os medios refórzanse de xeito progresivo en función da evolución do número de avisos e o avance da tempada ata acadar unha previsión de 80 profesionais, con posibilidade de contar con máis contratacións se fose necesario.
Os equipos de intervención conta cos medios materiais necesarios para realizar o traballo con todas as garantías de seguridade. Para conseguir unha maior eficiencia, reforzouse o seu equipamento coa dotación de 20 novas marcadoras de aire comprimido de gran alcance, 20 pértegas de fibra de carbono máis lixeiras e doadas de usar e 10 bombas de batería para a impulsión de biocida, que facilitan e axilizan o traballo de neutralización dos niños. A adquisición deste material supuxo un investimento de case 55.000 euros.
RETIRADA DOS NIÑOS
Na maioría dos niños os efectivos levan a cabo a súa retirada ou neutralización nun prazo máximo de cinco días hábiles, ao estar situados a menos de 25 metros de altura e en lugares accesibles. En caso de existir dificultades para o acceso, estúdanse as medidas necesarias para actuar coa maior rapidez posible.
Ademais, o equipo sinaliza os niños inactivos cunha etiqueta adhesiva na que se indica a data da visita para evitar alertas innecesarias.
Por outra parte, desde o pasado mes de febreiro infórmase por SMS do estado dos avisos ás persoas que comunicaron a súa presenza. Desta forma, contáctase co comunicante para planificar a visita do persoal de campo que, á súa vez, despois de acudir ao lugar do aviso, informa do estado da actuación, polo que a persoa que deu o aviso recibe información case en tempo real respecto da intervención realizada.
CHAMADAS AO 012
Debido á importancia deste servizo, a Xunta mantivo a atención dos avisos para a retirada de niños no teléfono 012 durante o Estado de Alarma polo coronavirus. Aínda que o volume de chamadas descendeu debido ao confinamento, o Goberno galego continuou cos traballos durante este período garantindo a protección e a seguridade dos efectivos de Seaga.
Co inicio do proceso de desescalada e coincidindo coa época de maior presenza da ‘vespa velutina’, os avisos comezaron a incrementarse desde finais de abril e a partir de entón seguen una tendencia ascendente. Por iso, sendo consciente desa problemática e co fin de poder atender o previsible aumento, a Xunta está a reforzar os equipos de intervención.
Debido a que estes meses concéntrase a maior proliferación desta especie, o Goberno galego insta tamén aos cidadáns a chamar ao 012, o Teléfono de Atención e Información á Cidadanía, para avisar da presenza de niños de ‘vespa velutina’.