Premian obras creativas con produtos da terra no concurso fotográfico 'Comemos polos ollos'
Por Redacción
A gastronomía das Rías Baixas quedou reflectida en 90 fotografías que se presentaron ao concurso 'Comemos polos Ollos', que puxo en marcha a Deputación de Pontevedra dentro da campaña 'Pontevedra provincia na túa cesta', que ten como finalidade promocionar ao comercio local.
Un xurado composto por persoal técnico de Turismo Rías Baixas e do Servizo de Comunicación Institucional escolleu as sete fotografas gañadoras ao entender que son as que mellor representan a variedade de materias primas que ofrecen as Rías Baixas, a horta e os campos de cultivo da provincia.
Na categoría 'Ao natural' seleccionáronse tres imaxes, outras tres no apartado de 'Preparados' e o xurado concedeu unha mención especial á mellor composición fotográfica, que recaeu na usuaria @margapazos. As persoas gañadoras obterán sete lotes de produtos Rías Baixas cun valor de 70, 90 e 120 euros.
A maior participación neste concurso realizouse a través da rede social Instagram con 65 fotografías mentres que en Twitter participaron 25 imaxes. Os gañadores foron escollidos pola súa creatividade, a mestura entre produtos de costa e interior e pola innovación das propostas.
A lista das persoas gañadoras pode consultarse na acta de resolución do concurso.