Rueda acusa o Goberno de "crear alarma" e xerar "inseguridade xurídica" coa modificación da Lei de Costas
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda acusou ao Goberno do Estado de "crear alarma" e xerar "inseguridade xurídica" no sector de mar-industria galego co cambio que se está introducindo no proxecto de Lei do Cambio Climático que modifica a Lei de Costas.
No transcurso dun acto de firma dun convenio coa empresa Ence, cuxa fábrica de Pontevedra ocupa terreos de dominio público marítimo-terrestre, Rueda referiuse á aprobación por parte do Consello de Ministros do proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética para remitilo ás Cortes, onde deberá ser aprobado polos grupos.
"Outra vez volvemos ver como se pon en cuestión a permanencia de moitísimas empresas que crean emprego no noso litoral", sinalou o número dous do Executivo galego.
Rueda indicou que "no peor momento" o Goberno central "pon en perigo" a estas industrias que agora "volven verse inmersos nese ambiente de inseguridade xurídica" algo que sinala como "o peor que pode haber para novos investimentos e o mantemento dos investimentos que hai".
"É como dicirlle ao empresario: se cadra te tes que ir", comentou Alfonso Rueda. "Chega a peor noticia no peor momento" e engadiu que agora "había que estar a pensar en todo o contrario: en asentar os postos de traballo, en asentar as industrias".
O vicepresidente da Xunta reiterou a posición do executivo autonómico "pedímoslle un pouco de responsabilidade ao Goberno" reprochando á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, este novo intento de cambiar a regulación costeira.
"A postura da Xunta de Galicia é preservar absolutamente o medio ambiente, preservar o tesouro que é o noso litoral, pero tamén dicir que Galicia é unha comunidade que sempre viviu pegada ao mar e sempre tivo a súa economía pegada ao mar" explicou Alfonso Rueda.
O vicepresidente concluíu advertindo que "tomar estas decisións desde moi lonxe descoñecendo o que hai aquí" e "sen ser capaz de entender" que "é posible compatibilizar" o medio ambiente coa actividade económica son "moi malas noticias para Galicia".