A fábrica de Ence en Lourizán contratará a 16 titulados en segundo ciclo de FP
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, presentaron este xoves xunto co director territorial de Ence, Antonio Casal, un convenio polo que a fábrica da pasteira en Lourizán contratará a 16 titulados en segundo ciclo de Formación Profesional.
O convenio asinouse na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra e foi enmarcado como unha medida "para contribuír a paliar a crise derivada da emerxencia sanitaria pola covid-19".
Antonio Casal explicou que o departamento de capital humano da fábrica empezará esta contratación "inmediatamente" e que estes 16 mozos traballarán durante un ano nos distintos departamentos que a compañía ten en Pontevedra no ámbito forestal e tamén no industrial, para o que destinará medio millón de euros a esta iniciativa.
O director territorial de Ence en Pontevedra sinalou que esta medida é "unha mostra máis do compromiso coa sociedade que está reflectido dentro do Plan Social que cada ano levamos adiante" e ao que destina tres millóns de euros a proxectos sociais, deportivos e culturais en Pontevedra, Marín e Poio.
A conselleira de Medio Ambiente valorou positivamente "o compromiso de Ence coa contorna".
O vicepresidente da Xunta, indicou que foi Ence a que se puxo en contacto co Goberno autonómico durante o estado de alarma para ofrecer a súa colaboración con esta proposta que permitirá ás persoas que resulten seleccionadas beneficiarse dunha oportunidade de gañar experiencia no mercado laboral cun "emprego de calidade".
As persoas interesadas nestes contratos terán que dirixirse ao departamento de recursos humanos da fábrica de Ence en Pontevedra.
Relacionadas:
-
Ence Pontevedra segue xerando emprego durante a crise sanitaria
Por Noticia patrocinada |
-
Ence reforza as súas accións en Pontevedra na loita contra o coronavirus
Por Noticia patrocinada |
-
Doan 2.000 metros de tea homologada para axudar na confección de máscaras para os pontevedreses
Por Redacción |
-
Ence compra 30.000 mascarillas á empresa Albino González
Por Redacción |