As Festas de San Xoán estenderanse por toda a parroquia
Por Oskar Viéitez
Música, espectáculos infantís e alboradas serán algunhas das actividades protagonistas da programación das Festas de San Xoán 2020, que foron presentadas este xoves polo concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, e a responsable de Cultura, Raquel Rodríguez.
A "nova normalidade" obrigou a suspender eventos como as verbenas, a lectura do pregón, ou a gran sardiñada que se traslada aos establecementos hostaleiros do municipio. O resto de actividades adaptáronse as medidas sanitarias vixentes, apostando polo tecido cultural e artístico do municipio.
A semana pasada se abriu o prazo para participar no Concurso de Carteles, organizado para a rapazada e que ofrece vales de 100 euros aos tres mellores deseños, para gastar en librarías da vila. Ademais, entre o 23 e o 25 tamén se impulsará un certame virtual de fotografía sobre as cacharelas, que nesta edición só se poderán prender en espazos privados, previa solicitude.
Unha das actividades máis emblemáticas da programación habitual que si se mantén é a da recollida de herbas de San Xoán que organiza a Asociación Cultural Ronsel e que terá lugar a tarde do vindeiro martes, nas horas previas ao prendido das fogueiras. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente chamando ao 615630394. A saída realizarase respectando as medidas sanitarias requiridas.
En canto ás actividades, o mércores 24, día do patrón, ás 10.00 horas levaranse a cabo alboradas nas parroquias, a cargo de diferentes agrupacións folclóricas locais, unha cita que se repetirá tamén xoves e venres. Ás 12.00 horas haberá unha misa solemne na honra de San Xoán Bautista no Mosteiro. Posteriormente, a Banda de Música de Arcade ofrecerá un concerto na Praza do Mosteiro. Ás 20.00 horas, a Praza da Granxa de Campelo acollerá unha actuación da Escola de Acordeóns.
O xoves 25, os actos relixiosos (12.00 horas) serán na honra de Santa Trahamunda, cun posterior concerto na Praza do Mosteiro da Unión Musicial de Cabral. Pola tarde (19.00 horas), na Praza de Castelao, haberá un espectáculo infantil a cargo do Clow Paiaso Rudi Dudi. As inmediacións da igrexa de San Martiño serán escenario dun novo concerto da Escola de Acordeóns de Campelo.
Xa o venres 26, ademais das alboradas e da misa na honra de San Fructuoso, nesta ocasión o concerto matinal (13.00 horas) será ofrecido pola Banda de Música de Redondela. Ata O Pereiro trasladarase o espectáculo de Rudi Dudi, tamén ás 19.00 horas, mentres que os acordeonistas de Campelo repetirán cita na Praza da Rúa Vilariño.
A programación tamén se estenderá durante a vindeira fin de semana, cun concerto da Banda Unión Musical de Meaño na Praza do Pereiro (13.00 horas), un espectáculo infantil de Títeres na Escola do Sartal (20.00 horas) e un ‘show’ protagonizado por Nelson Quinteiro Producións no Parque da Reiboa (21.00 horas).
O broche final será o domingo 28 co espectáculo infantil As nosas Músicas, a cargo tamén de Nelson Quinteiro, na Praza da Granxa de Campelo (20.00 horas).
O Concello insistiu na importancia de aproveitar as festas para dar un pulo á actividade comercial e hostaleira, logo dos difíciles momentos que estes sectores atravesaron por mor da pandemia da Covid-19.
Relacionadas:
-
Recta final da programación alternativa das Festas de San Xoán
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio controlará o aforo e consumo de alcol e drogas nas cacharelas de San Xoán
Por Redacción |
-
A Música en directo, as actividades lúdico-deportivas e a gastronomía, protagonistas do San Xoán de Caldas
Por Redacción |
-
Marín descarta as verbenas, os grandes concertos e as atraccións para as Festas do Carme
Por Redacción |
-
Poio permitirá a realización de grelladas na noite de San Xoán aos hostaleiros
Por Redacción |
-
Comer sardiñas polo San Xoán terá premio nos establecementos de Poio
Por Redacción |
-
Xa está aberto o prazo para presentar carteis ao #SanXoanPoio2020, o concurso virtual das festas
Por Redacción |
-
Actividades para grupos reducidos nas parroquias, proposta para reactivar o sector cultural en Poio
Por Redacción |
-
Poio abrirá o mércores o prazo de solicitudes para a realización de cacharelas privadas
Por Redacción |