A Cruz Vermella recibe 212 toneladas de alimentos do Ministerio de Agricultura para repartir na provincia
Por Redacción
A Cruz Vermella recibía este xoves máis de 212 toneladas de produtos básicos de alimentación para que sexan distribuídos, a través de 133 organizacións locais, a persoas da provincia que atravesan situacións económicas complicadas.
Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, acudía acompañada por representantes da Asemblea Provincial da Cruz Vermella, encabezados pola súa presidenta María Teresa Álvarez, á recepción desta nova partida alimentaria, que contén produtos como aceite, arroz, conservas de carne, peixe e froita, entre outros produtos, ademais de 13.000 quilos de produtos de alimentación infantil.
Esta cantidade forma parte das 425 toneladas que se repartiron na provincia na primeira fase. A Subdelegación do Goberno estima que esta axuda chegará a ao redor de 24.000 persoas da provincia que se atopa nunha etapa de desprotección social ou económica. A esta achega sumaranse outras dúas durante o que queda de 2020, segundo indicaba Maica Larriba.
Os produtos proceden do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), xestionado polo Ministerio de Agricultura e Pesca, que inviste case 600.000 euros na provincia de Pontevedra dentro do millón e medio que destina a Galicia cos mesmos obxectivos de axuda social.
Maica Larriba destacou a importancia destas accións para dar solucións efectivas que eviten a precarización da vida das persoas e agradeceu a todas as entidades que participan nas entregas ao garantir que ninguén quede atrás á marxe das súas condicións económicas.
A subdelegada do Goberno sinalou que estas medidas sociais son unha aposta máis do Goberno do Estado, ás que se suma o novo Ingreso Mínimo Vital aprobado recentemente.
En 2019, o Goberno entregaba na provincia 1.760 toneladas de produtos por valor de máis de 1,6 millóns de euros, que foron distribuídos pola Cruz Vermella e polo Banco de Alimentos a máis de 22.000 persoas.
Relacionadas:
-
Última entrega á Cruz Vermella do programa de axuda alimentaria do Goberno
Por Oskar Viéitez |
-
Cruz Vermella recibe 304 toneladas de alimentos do programa de Axuda Alimentaria
Por Redacción |
-
Cruz Vermella e Zona Monumental promoven a igualdade de trato no mercado laboral
Por Redacción |
-
Cruz Vermella Pontevedra realiza un seguimento telefónico a 4.000 persoas na comarca
Por Oskar Viéitez |
-
O Programa de Axudas Alimentarias do Goberno repartirá 1,7 millóns de quilos en Pontevedra nun ano
Por Redacción |
-
O Goberno entrega 318 toneladas de alimentos á Cruz Vermella para repartir nos comedores sociais
Por Redacción |