A Rúa da Ponte terá beirarrúas empedradas e mellorará a mobilidade peonil
Por Redacción
A Rúa da Ponte, unha das máis transitadas da vila por peóns e vehículos, acollerá nos vindeiros meses unha importante obra que mellorará notablemente a mobilidade peonil.
Actualmente, as beirarrúas son moi estreitas e, en determinados tramos, resulta complicado para os peóns poder camiñar por elas sen ter que baixar á estrada, o que se supón un importante risco para a seguridade vial. A dificuldade é aínda maior se o que se quere é pasar nunha cadeira de rodas ou un carriño de bebé.
Por este motivo, o Concello de Ponte Caldelas impulsou un proxecto de mellora da rúa que contempla a ampliación e empedrado das beirarrúas, a instalación de mobiliario urbano e a colocación de xardiñeiras con luces Led na parte baixa que deixará unha sutil iluminación sobre o chan de pedra.
O proxecto terá un custe de 84.078 euros
O Concello de Ponte Caldelas extenderá a liña estética da Praza do Bispo ata a ponte románica, que tamén se atopa empedrada, creando un espazo máis uniforme a nivel estético e práctico. Trátase dunha das principais rúas de Ponte Caldelas, escaparate para todos os visitantes e para os centos de vehículos que pasan diariamente por este importante arteria de comunicación entre a cidade de Pontevedra e o interior da provincia.
"Queremos embelecer Ponte Caldelas e convertela nunha vila do século XXI sen que perda a súa esencia. De feito, complementamos a mellora da mobilidade neste espazo cunha nova dotación de aparcamento: preto de 300 prazas gratuitas habilitadas na finca situada á entrada do Paseo da Calzada", indica Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas.