Un Emmy con acento de Marín
Por Alejandro Espiño
Cando nos falan dos Emmy, automaticamente pensamos nos premios que a academia de televisión estadounidense entrega cada ano ás súas mellores series. Pero estes galardóns teñen unha vertente máis descoñecida a este lado do Atlántico, a que premia aos seus informativos. E no seu palmarés acaba de inscribir o seu nome un marinense.
Trátase do xornalista Fabián Bouzas, que gañou o premio Emmy ao mellor programa informativo entre as cadeas que emiten na área do Pacífico e o suroeste de Estados Unidos. Fíxoo como parte do equipo de Telemundo que, por terceiro ano consecutivo, foi recoñecido polos seus "noticieros" vespertinos.
O traballo premiado, explica o propio Fabián a PontevedraViva, foi a cobertura en directo que, durante máis de tres horas, esta cadea de fala hispana realizou nun virulento incendio que se produciu en setembro na fronteira entre Estados Unidos e México, á altura de Tijuana.
"Foi un incendio tremendo. Houbo moitos falecidos e vivendas afectadas", lembra o xornalista de Marín, que recoñece que "foi un reto" realizar esta cobertura, que a cadea optou por presentar con éxito aos Emmy e que permitiu a esta canle, que ten a súa base en San Diego, superar a cadeas de Las Vegas, Sacramento ou Los Ángeles.
Nun despregamento deste tipo, sinala o mozo de Marín, "chegan imaxes constantemente e hai que editalas á máxima velocidade para entregalas cando antes e que poidan emitirse rápido", ao que se suma que "hai que ir confirmando as informacións para que os presentadores teñan material".
Ese foi, precisamente o seu traballo nesta cobertura especial. Fabián traballa en Telemundo como "produtor de historias", é dicir, "redacto todo o que os presentadores len e edito os vídeos que chegan dos cámaras e dos reporteiros". Ademais, subliña o xornalista, "están a adestrarme para ser editor dos noticieros, o responsable total dos contidos".
Fabián Bouzas leva apenas un ano en Telemundo. Chegou a Estados Unidos en setembro de 2018, tras trasladarse ao país xunto á súa muller. O primeiro ano "non pode traballar ao non ter permiso", un tempo que aproveitou para estudar inglés e "adaptarme a este país".
A través dun contacto chegoulle esta oportunidade profesional e, tras comezar como freelance, foi contratado. "A televisión era un novo paso para min, porque sempre había traballando en xornais en papel, pero estou moi satisfeito", asegura Fabián, que destaca o crecemento que os medios en español están a ter en Estados Unidos.
"Cada vez a comunidade latina é máis grande e nalgunhas cidades podes xa sobrevivir sen case saber inglés", engade o novo marinense, que espera que o próximo ano poida volver repetir este premio Emmy ante a cobertura que, de maneira similar ao incendio, realizou a súa canle nas protestas do "Black Lives Matter" que se celebraron en San Diego.