Localizan preto da Illa de Arousa o corpo dun pescador cuxa embarcación apareceu á deriva no Grove
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Na tarde deste venres foi localizado o corpo sen vida dun pescador que desapareceu a pasa noite na Ría de Arousa e que os equipos de emerxencias buscaron durante toda a xornada por mar, aire e terra. Saíu a faenar e a súa familia non volveu a saber nada del, ata que esta mañá a súa embarcación apareceu baleira e á deriva na costa do Grove.
Desafortunadamente, malia a mobilización dos servizos de emerxencia, a persoa foi localizada falecida. O corpo sen vida foi encontrado esta tarde por particulares nas proximidades da ponte da Illa de Arousa.
Os equipos de intervención encárganse de trasladar o corpo da vítima ao Peirao de Vilanova de Arousa e as forzas da orde tratan de aclarar as circunstancias do suceso.
Persoal do servizo marítimo da Garda Civil, dos Gardacostas de Galicia e a embarcación Salvamar Sargadelos de Salvamento Marítimo buscaron por mar ao pescador mentres que o helicóptero Pesca 1 dos Gardacostas de Galicia busca por aire. Por terra a procura do desaparecido implicou a voluntarios de Protección Civil de Vilanova e tamén membros do Servizo Local de Emerxencias do Grove, a Policía Local do Grove e a Garda Civil.
Segundo informou o 112 Galicia, a embarcación apareceu á deriva en Porto Meloxo sobre as dez da mañá. Localizouna persoal da Confraría de Pescadores do Grove e deixárona suxeita a unha batea, ata que foi remolcada ao porto de Vilanova de Arousa, de onde é natural o desaparecido.
Trátase dun pescador de 44 anos. A súa muller denunciou a súa desaparición este venres. Segundo fontes da Garda Civil, a esposa relatou que o pescador saíu pescar sobre a medianoite e non volveu á casa.
O operativo de procura por aire, mar e terra percorreu un arco entre Vilagarcía e O Grove.