Unha propietaria desesperada ante o silencio do Concello: "na miña vivenda xa hai buracos de ratas desas de río, non ratos"
Por María José Pita
A mala sorte empezou para Maite García Fontán fai tres anos. Porque tentar todo o legalmente posible para solucionar unha situación inxusta e non atopar resposta nas Administracións Públicas xa só pode ser mala sorte para esta cidadá, ou polo menos iso é o que quere crer.
Por parte do Concello de Pontevedra, neste caso, non se sabe ben onde está o problema porque Maite só recibe contestacións vagas. Cando lle responden, claro. Ata tivo que mediar a Valedora do Pobo para que o consistorio pontevedrés lle dea unha razón, e de novo, esta é imprecisa.
Vaiamos por partes.
No ano 1997, Maite García constrúe unha casa preto da súa familia, no lugar de Casas Novas, Mourente, "o meu pai regaloume a metade do terreo e eu fixen o resto", coméntanos esta pontevedresa a través do teléfono. Alí residiu ata que uns problemas de saúde levárona a trasladar a súa residencia ás Illas Canarias "eu son enfermeira e traballei moitos anos no Hospital, pedín unha comisión de servizos e vinme para Fuerteventura porque non me sentaba ben o clima de Galicia, e xa levo aquí 14 anos". Desde entón, a súa casa en Mourente é o seu refuxio cando en vacacións ou en datas sinaladas regresaba a ver á familia.
Consciente de que unha vivenda con terreo necesita mantemento, decidiuse a contratar un xardineiro todo o ano, con vistas tamén a poder sacar algún rendemento económico á casa, alugándoa durante os meses de verán "por exemplo, o ano pasado tívena alugada en Airbnb os meses de xullo, agosto e setembro", engade. Pero este verán non se atreve a ofrecela en aluguer porque, para a súa sorpresa, apareceron ratas na propiedade. "Na miña vivenda xa hai buracos de ratas desas de río, non ratos", laméntase.
Os problemas comezaron en 2017, cando a maleza da leira dun veciño alcanzaba a súa parcela, tal e como recolle no primeiro escrito que remitiu ao Concello de Pontevedra o 4 de setembro de 2018: "la finca colindante en su zona posterior se encuentra llena de maleza y arbustos que invaden mi terreno y los setos que configuran el cierre de la misma (...) habiéndole ya notificado en 2017 [al vecino] la necesidad de limpiar dicho perímetro (...) Dadas las circunstancias actuales y ante la incapacidad de contactar con el propietario (nombre del propietario) Les agradecería que tomasen las medidas oportunas en este caso".
Paralelamente a esta comunicación por escrito, desde Fuerteventura Maite empeza a telefonar ás diferentes administracións para ver en que maneira pode resolver este caso. Desde o Concello derívana á Xunta e desde a Xunta ao Concello. Chegamos ao 8 de novembro de 2018, dous meses despois da primeira comunicación escrita. Maite presenta unha nova solicitude na que informa que, a pesar de falar co veciño, este négase a facer a limpeza e de novo pide ao Concello unha resposta para saber que pasos pode dar, temendo que coas choivas do inverno a situación empeore.
A principios de 2019 recibe unha chamada do Concello informándolle de que "unha funcionaria vai facer unha inspección ocular da leira". Parece que a situación empeza a canalizarse. Pero era un espellismo, como puido comprobar persoalmente Maite cando no mes de xullo, sen ter noticias desde xaneiro, regresou á súa casa de Mourente. Aproveita para acudir ao Consistorio de novo, onde lle informan "que o informe estaba sen realizar e que habería unha persoa específica para este labor".
Todas estas cuestións exponas Maite no novo escrito que remite ao Concello de Pontevedra o 7 de outubro de 2019, un ano despois dos primeiros trámites. A situación xa é crítica. As ramas e as silvas irrompen no seu terreo, impedindo mesmo que poida realizar a poda dos seus propios sebes de bambú, as matas xa enraizaron na súa leira e, o que é máis grave, xa empezan a pulular ratas e outros roedores.
E de novo o silencio por resposta.
Chegados a este punto, Maite decide acudir á Valedora do Pobo. E cal é a súa sorpresa que en xaneiro de 2020 recibe unha primeira contestación desta institución indicándolle que "o Concello de Pontevedra persiste na súa actitude de non enviar a información requirida en relación á súa queixa, a pesar de que a demandamos en dúas ocasións", polo que proceden a enviar un novo aviso á Administración local.
Finalmente, as xestións da Valedora do Pobo lograron que o Concello dese unha resposta, tal e como se recolle na nova notificación que desde o organismo autonómico lle remitiron a Maite. Neste escrito infórmase que o Concello declara que o 16 de xaneiro de 2020 un técnico da Oficina Técnica de Medio Ambiente, Infraestrutura, Enxeñería e Servizos realizou un informe dunha visita á zona e constatou que, en efecto, existía abundante maleza e arboledo, procedendo a iniciar os trámites administrativos, cos seus prazos oportunos, para, o máis axiña posible, proceder á "execución dos traballos necesarios de limpeza e desbroce das parcelas afectadas".
Chegamos a xuño de 2020, empeza o verán e a situación segue igual. Por iso Maite García quere facer pública a súa situación.
Está disposta a custear ela mesma a roza da leira do veciño que linda coa súa, pero necesita o seu permiso. O problema é que este veciño non reside alí habitualmente e xa desde hai tempo a Maite resúltalle imposible localizalo.
A este inconveniente súmase unha nova incidencia nada menor. Por baixo da maleza discorre un regato que, segundo lle informan en Augas de Galicia, ao estar en terreo urbano, a súa xestión depende do Concello de Pontevedra. Así que esta cidadá teme que o seu asunto vai seguir ramificándose en cuestións que afectan ao público, ao privado e a diversos departamentos. "Eu só pido que cumpran, do mesmo xeito que eu todos os anos pago case 500 euros de IBI e 29 todos os meses de lixo e unha rede de sumidoiros que non chega ata a miña casa", laméntase esta pontevedresa.
Maite ten previsto regresar a Galicia no mes de xullo. Nesta ocasión, non só retomará as súas visitas ao Concello para reclamar unha solución, senón que tomará todas as precaucións necesarias para que as ratas, que xa campan ás súas anchas pola leira, non lle amarguen aínda máis o seu tempo de descanso en familia.
Relacionadas:
-
Que podemos facer se o veciño non limpa a súa parcela?
Por María José Pita |
-
O goberno local de Pontevedra completa a licitación da totalidade da rede de abastecemento de Mourente
Por Oskar Viéitez |
-
O Rural Existe reclama reunións con Lores, Carmela Silva e Cores Tourís
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |