Un paciente curado nas últimas 24 horas reduce a oito o número de positivos por coronavirus na área sanitaria
Por Natalia Puga
Este sábado 20 de xuño a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contabiliza un total de oito casos activos de coronavirus, un menos que este venres, xornada na que se produciu un pequeno repunte tras unha semana sen aumento do número de positivos. Desta forma, a fin de semana comeza cun regreso á senda do descenso e a estabilidade nos datos da incidencia da pandemia.
Segundo a información oficial do Servizo Galego de Saúde en Pontevedra, os oito casos activos que se contabilizan na área sanitaria son pacientes que evolucionan nos seus domicilios. Son a mesma cifra que o xoves 18 e que se mantivo durante case toda a semana.
Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 893 pacientes, dos que un se produciu nas últimas 24 horas, o que implica que desde o venres non se produciu ningún contaxio e só unha curación.
A área sanitaria mantense como a zona de Galicia con menor número de positivos e sen pacientes con coronavirus hospitalizados en planta ou en unidades de coidados intensivos, nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin en QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra.
Segundo o último balance da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 340, un menos que o día anterior. Deles, 110 son da área da Coruña, 17 da de Lugo, 24 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 141 da área de Vigo, 28 da de Santiago, e 12 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 6 están en unidades de hospitalización e 334 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Por agora, en Galicia hai un total de 10.530 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 164.673 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supón o 0,01% do total das persoas residentes. Dos 341 casos positivos na comunidade, 4 son usuarios e un é profesional de centros residenciais. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.