O comercio local de Pontevedra, a tan só un click coa tenda online 'E-Ponte.com' creada por #PonteLovers
Por Redacción
A plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers ven de dar un novo paso adiante no seu obxectivo de reactivar e estimular o crecemento do comercio local co lanzamento da súa tenda online 'E-Ponte.com'.
Trátase dunha nova canle comercial electrónica posta en marcha pola Concellería de Promoción Económica e Turismo para facilitar as compras en liña para os usuarios, ofrecendo un espazo web no que tódolos produtos e servizos da cidade poidan atoparse á distancia dun click.
Segundo informan dende o Concello, a 'e-tenda’ permitirá xestionar vendas de forma virtual, realizar pagos por medios bancarios ou en efectivo contra entrega e reservar e axendar servizos, axudando a preservar en todo momento a saúde e a frear a propagación da Covid-19.
Baixo un lema baseado no xogo de palabras 'Quen ten tenda ten e-tenda’, a nova plataforma dixital supón unha aposta de #PonteLovers polo progreso do comercio local, ao estimular a súa incorporación a unha canle totalmente gratuíta de compra-venda de bens e servizos que se complementará coa tradicional.
Tal e como explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, "'E-Ponte.com permite centralizar a oferta dos comercios do concello nunha soa pantalla e brindarlles aos empresarios a posibilidade de dixitalizar as operacións e a xestión dos seus negocios, ao tempo que poden promocionar os seus produtos de xeito masivo para os habitantes do municipio".
"A iniciativa -apunta a edil socialista- busca facilitar e axilizar as transaccións entre consumidores e comerciantes e enmárcase na nosa estratexia de estimular a economía de Pontevedra ao tempo que preservamos a protección dos cidadáns contra o coronavirus. A aposta de #PonteLovers pasa por fomentar a recuperación económica garantindo a saúde dos pontevedreses".
En canto aos beneficios dos empresarios e propietarios dos establecementos comerciais, a plataforma online suporá non só unha ferramenta de promoción masiva dos seus produtos, senón tamén unha solución tecnolóxica que lles permitirá dixitalizar o seu negocio, poder administralo dende unha computadora ou smartphone e integrar nun único espazo web operacións de xestión, administración, inventario, vendas virtuais e atención ao cliente (chegando a cada un dos cidadáns a través dunha canle adicional ás tradicionais).
"E-Ponte constitúese así como unha iniciativa de xeración de progreso que, salvo no que se refire aos custes financeiros (comisións que cobren os bancos polas transferencias) e de transporte, é totalmente gratuíta. A plataforma xa está aberta para que os comercios se vaian rexistrando (na sección Rexistro de Comercios) e, tan pronto como teñamos un bo número deles, poderá xa poñerse en funcionamento", apunta a concelleira.
Por último, destacan que as posibles dúbidas que poidan xurdir en torno á tenda electrónica de #PonteLovers, poderán consultarse a través da dirección de correo electrónico dirección@proxectoiles.es.
Relacionadas:
-
RADIO.- Hai un Black Friday e tamén está no comercio local, en liña e presencial
Por Redacción |
-
O mercado de abastos sumarase ao portal de comercio on line de Pontevedra ‘E-Ponte.com'
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O son do regreso da cidade á actividade: "Pontevedra reiniciou e reiniciou con seguridade"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Talleres gratuítos para autónomos, emprendedores e pemes coa plataforma #Pontelovers
Por Redacción |
-
Un proxecto para mellorar a competitividade das pemes turísticas da man de #PonteLovers
Por Redacción |
-
4.000 guías de protección para o comercio e a hostalería grazas á plataforma #PonteLovers
Por Redacción |
-
#PonteLovers presta asesoría personalizada a 15 negocios pontevedreses de distintos sectores
Por Redacción |