Un proxecto para mellorar a competitividade das pemes turísticas da man de #PonteLovers
Por Redacción
Mellorar a competitividade empresarial das pemes turísticas do municipio é o principal obxectivo dun proxecto impulsado pola plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers en colaboración coa consultora Grupo Innovaris, especializada en turismo e desenvolvemento local.
Segundo informou o Concello, o plan da Concellería de Promoción Económica e Turismo desenvolverase ao longo de varios meses en diferentes fases, entre as que se inclúen a identificación de necesidades 'á carta' relativas á xestión empresarial, a posta a disposición de ferramentas de mellora a través dunha plataforma dixital e a realización de mentorías grupais de asesoramento.
Tal e como explica a concelleira Yoya Blanco, a iniciativa permitirá coñecer cales son os puntos fortes e de mellora das firmas do sector turístico de Pontevedra, "sendo a propia realidade das necesidades do tecido empresarial a que determine que ferramentas se lles facilitarán para axudalas a corrixir esas debilidades".
Desta forma, un equipo de expertos da consultora encargarase de identificar as necesidades relativas á xestión empresarial (mediante cuestionarios individuais), así como de establecer unha orde de prioridades nas mesmas e de prover ao sector dunha serie de ferramentas.
"Mediante a adaptación destas ferramentas á actividade das firmas, este proxecto contribuirá a enriquecer a oferta actual de instrumentos e plataformas existentes. Realizaranse diversos talleres e levarase a cabo un programa de mentorización para analizar estratexias empresariais, efectuar estudos de viabilidade para realizar investimentos e elaborar plans estratéxicos de empresa mediante 10 sesións de mentoría para grupos amplos, cun máximo de 25 firmas por sesión", subliña a concelleira.
As mentorías, coas que pretenden que as pemes turísticas conten con elementos que favorezan a súa consolidación, desenvolveranse de xeito telemático, o que permitirá unha asistencia continuada por parte dos técnicos asignados ao proxecto.
Así mesmo, a consultora Grupo Innovaris porá a disposición das empresas participantes unha plataforma dixital versátil á que se irán subindo ferramentas e contidos adaptados ás necesidades específicas detectadas, que contribuirán á mellora da competitividade e da xestión das pemes.
Entre outros contidos, atoparanse os recursos do Concello dirixidos ás empresas turísticas, información sobre impostos municipais nos diferentes sectores e un inventario de coworking e outros espazos colaborativos, contemplando o deseño de material audiovisual e gráfico que facilite a súa comunicación, esencialmente e formato de vídeo explicativo de tres minutos de duración.
Ademais de realizarse un labor previo de difusión do plan entre as empresas do municipio, Innovaris tamén celebrará unha sesión informativa inicial dirixida a asociacións e confederacións de empresarios e pemes turísticas, e participará nunha xornada de presentación final dos resultados do proxecto que estará dirixida aos representantes do sector participantes e ao público en xeral.
Relacionadas:
-
Márketing e dixitalización protagonizan os novos cursos do Plan Reinicia
Por Redacción |
-
Promoción Económica retoma o seu plan para mellorar a competitividade das pemes turísticas
Por Redacción |
-
Ponte a Punto volta con conferenciantes da talla de Anne Igartiburu ou Teresa Viejo
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O son do regreso da cidade á actividade: "Pontevedra reiniciou e reiniciou con seguridade"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Talleres gratuítos para autónomos, emprendedores e pemes coa plataforma #Pontelovers
Por Redacción |
-
O comercio local de Pontevedra, a tan só un click coa tenda online 'E-Ponte.com' creada por #PonteLovers
Por Redacción |
-
4.000 guías de protección para o comercio e a hostalería grazas á plataforma #PonteLovers
Por Redacción |
-
#PonteLovers presta asesoría personalizada a 15 negocios pontevedreses de distintos sectores
Por Redacción |