O 'espírito de fraternidade' de Castiñeiras para mobilizar ao electorado do BNG no 12X
Por Redacción
O BNG conxurou este domingo o 'espírito de fraternidade' da lagoa de Castiñeiras para encarar os últimos días de pre campaña e a campaña de cara ás eleccións autonómicas do 12 de xullo e axudar á mobilización do electorado que o partido considera fundamental para lograr o apoio do electorado que permita separar a Alberto Núñez Feijóo do Goberno galego.
O cabeza de lista do BNG, Luís Bará, mantivo unha xornada de encontro, festa e convivencia con militantes e simpatizantes nesta zona do municipio de Vilaboa e, ademais de chamar á mobilización, avogou por un convenio coas diferentes comunidades de montes con terreos neste espazo natural para crear un grande parque da natureza.
"Co espírito da lagoa de Castiñeiras, coa fraternidade da veciñanza reunida, facemos chamamento á grande mobilización e á participación o 12 de xullo para encher as urnas de esperanza e de futuro, unha grande mobilización que faga historia situando a unha muller nacionalista na presidencia do goberno galego”, defendeu Bará.
Bará lembrou que Castiñeiras é un lugar de encontro de concellos e parroquias e foi durante moito tempo un punto de encontro de milleiros de persoas que gozaban da contorna e xantaban nun espazo de aire limpo e denunciou que foi "maltratado e abandonado" polo Partido Popular na Xunta de Galicia ao longo dos últimos 11 anos.
O candidato nacionalista aposta polo aproveitamento das instalacións do antigo centro de recuperación de fauna silvestre desmantelado pola Xunta do PP e por desenvolver nestas instalacións un proxecto centrado na educación ambiental cun programa pedagóxico para centros escolares. Ademais, puxo sobre a mesa propostas concretas para a potenciación do espazo da lagoa.
VISITA A SALCEDO
Bará tamén visitou este domingo o lugar de A Armada, na parroquia pontevedresa de Salcedo, coa directiva da comunidade de montes, para comprobar as potencialidades do monte e de paso, dar a coñecer a aposta do BNG para, se chega ao Goberno da Xunta, impulsar un monte multifuncional no que se priorice a diversificación, o confinamento do eucalipto, e os valores ambientais, sociais e culturais.
"Outro monte é posible e está aquí en Salcedo moi preto de nós", defendeu, nunha visita na que estivo acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; das concelleiras Carme Fouces, Demetrio Gómez Xunqueira, Alberto Oubiña, e Xaquín Moreda; e da portavoz municipal en Vilaboa, Ornela Fernández.
Ao remate da visita, destacou que Salcedo é un monte vivo, produtivo e diversificado con árbores autóctonas e árbores destinadas á produción de froito, que apostou pola eliminación de especies invasoras e ao confinamento do eucalipto. Salientou tamén as súas funcións e valores ambientais "que protexe a saúde das persoas e tamén do planeta", e que permite combater con eficacia o cambio climático.
O BNG aposta pola creación dunha nova Lei de Montes para resolver a cuestión da propiedade comunitaria pola súa singularidade; pola modificación da lexislación en materia fiscal; polo cambio no reinvestimento do aproveitamento do monte; polo cambio da xestión pública do monte; e pola realización dun novo Plano Forestal onde se poña límite á superficie de eucalipto.
Relacionadas:
-
Bará chama a frear as privatizacións e apostar por unha sanidade pública "universal e gratuíta"
Por Redacción |
-
O BNG anuncia desde un espazo Rede Natura de Pontevedra a proposta de aumentar esta protección ao 20% de Galicia
Por Redacción |
-
Bará aposta por tratar os lodos da dragaxe do Lérez en plantas especializadas: "O mar non é un vertedoiro"
Por Redacción |
-
Bará prevé un resultado "histórico" para o BNG nas eleccións galegas
Por Alejandro Espiño |
-
Bará avoga por recuperar o proxecto do 'Viario do Vao' para aliviar o tráfico na Barca
Por Redacción |