Cuntis suspende as festas patronais: "Non se poden garantir as condicións mínimas de seguridade"
Por Redacción
O Concello de Cuntis acordou a suspensión das festas patronais na honra a Santa María que se ían celebrar do 15 ao 18 de agosto como consecuencia da situación provocada polo coronavirus e atendendo a cuestións de índole sanitaria: "é a decisión máis responsable pensado sempre na saúde dos nosos veciños e veciñas e no ben común do conxunto da poboación".
Desde o Goberno local explican que esta decisión "tan difícil" adoptouse con "moita tristeza", pero coa máxima responsabilidade ante a veciñanza nunha situación imprevista e chea de incerteza.
Considera que nestes momentos a máxima prioridade é a saúde da cidadanía, por iso optaron por esta medida, a pesar de ser "conscientes do prexuízo que neste ano tan atípico pode provocar" no tecido económico, cultural e social do municipio.
O equipo de goberno tomou a decisión e xa lla trasladou aos grupos da oposición. Ademais, tamén se trasladará aos sectores afectados.
Segundo informan desde o Concello, esta decisión adoptouse despois de analizar detalladamente as circunstancias actuais e considerar que "non se poden garantir as condicións mínimas de seguridade para levar adiante un evento destas características". De común acordo, concluíuse que a máxima prioridade nestes momentos é a saúde da cidadanía e que, polo tanto, se debe optar por extremar todas as medidas de seguridade e protección da poboación que estean ao alcance do Concello.
Dada esta suspensión, o Concello traballa no deseño dunha programación alternativa de actividades culturais, lúdicas e de lecer durante todo o verán no casco urbano e nas 8 parroquias do municipio para ofrecer unha alternativa viable, atractiva e de calidade para todos os públicos que permita dinamizar e achegar os contidos culturais mentres se cumpren os consellos de seguridade.
Estas actividades serán de pequeno formato e adaptadas ás novas normativas de seguridade e protección derivadas da crise sanitaria da Covid-19.
Relacionadas:
-
Cuntis apela á responsabilidade dos veciños tras un brote de COVID-19 na vila
Por Redacción |
-
Bota a andar o 'Verán Cultural' de Cuntis con actividades para público infantil, xuvenil e adulto
Por Redacción |
-
As festas patronais de Cuntis contarán cun punto morado de información sobre as violencias machistas
Por Redacción |
-
Cuntis ponse a punto para as festas patronais
Por Redacción |
-
As festas patronais de Cuntis buscan un novo organizador
Por Oskar Viéitez |