Revolución na contorna do centro de saúde de Ponte Caldelas: reordenación dos aparcamentos e tráficos
Por Redacción
A aplicación dunha nova capa de rodadura na calzada e a reordenación dos aparcamentos e circulacións coa pertinente sinalización horizontal e vertical suporán unha auténtica revolución na contorna do centro de saúde de Ponte Caldelas.
O Concello de Ponte Caldelas realizará unha actuación integral na zona, unha superficie de preto de 2.000 metros cadrados situada na parte traseira do edificio da Casa Consistorial.
Segundo a información facilitada polo Concello, trátase dunha actuación moi importante porque a zona está sometida a un uso intenso de tráfico que provocou un importante desgaste do pavimento e resulta fundamental mellorar a seguridade viaria neste espazo que a diario empregan centos de vehículos.
A actuación aproveitarase para sacarlle o máximo partido á zona e suporá un investimento de 27.888,35 euros.
Farase unha limpeza mecánica do firme existente, fresarase parte do pavimento asfáltico existente, demolerase unha pequena superficie que ten pavimento de formigón, poranse a cota as tapas de pozos e arquetas e aplicarase unha capa de cinco centímetros de aglomerado asfáltico D-12.
A obra rematará co pintado da sinalización horizontal, con pintura reflexiva con microesferas de vidro, e a instalación da sinalización vertical.