A pandemia trunca o San Xoán de Castrolandín, que se suspende no que ía ser o 20 aniversario
Por Redacción
O xa tradicional San Xoán no Castro de Castrolandín, en Cuntis, non se celebrará este ano como consecuencia da pandemia do coronavirus, pois os promotores optan por unha postura de responsabilidade coa situación sanitaria ante as dificultades para garantir as esixencias e recomendacións das autoridades sanitarias para evitar contaxios.
A Fundación Terra Termarum recibiu nos últimos días varias chamadas interesándose pola celebración do San Xoán de Castrolandín e, ante as normas establecidas para este tipo de celebracións, e pola previsión de que se produza unha alta participación, optou pola suspensión.
Desde a Fundación explican que se trata dunha decisión adoptada por responsabilidade, pois neste momento a máxima prioridade debe ser a saúde da cidadanía.
O San Xoán celébrase desde hai 19 anos en Castrolandín coa denominada 'Festa dos Fachos', que na noite deste 23 de xuño ía cumprir o seu 20 aniversario. Cada ano nas dúas últimas décadas seguíase o ritual de acender 52 fachos con 7 piñas cada unha, que simbolizan as 52 semanas do ano e os 7 días da semana.
Trátase, en realidade, dunha tradición moito máis antiga que se recuperou no ano 2000. A Asociación Amigos dos Castros, coa colaboración da veciñanza da zona e persoas expertas do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do CSIC, recuperou a tradición e nos últimos anos a festa foi acadando unha gran relevancia, coa participación de persoas de toda Galicia.
Desta maneira, para este ano prevíase unha participación igual de alta e non resultaba posible celebrar a festa cumprindo coas normas establecidas polas autoridades competentes sobre as fogueiras. Os promotores enfrontábanse, ademais, á incerteza e a inseguridade de non poder controlar a situación pola alta participación.