Os socorristas de Sanxenxo negan ser os autores das pintadas nos módulos das praias
Por Redacción
Os módulos de socorrismo das praias sanxenxinas de Canelas, Paxariñas. Montalvo e Areas Gordas amenceron o sábado con pintadas nas súas paredes con mensaxes reivindicativas en favor dos socorristas, que levan semanas reclamando melloras laborais ao Concello.
Desde o goberno local acusaron os traballadores de ser os autores destas pintadas cuxa reparación, segundo o executivo municipal, supoñerá o gasto de 29.000 euros das arcas do Concello.
Tras o comunicado do equipo de goberno que encabeza Telmo Martín, o sindicato Comisións Obreiras emitiu o seu propio comunicado no que deixa claro que "o colectivo de socorristas de Sanxenxo se demarca das pintadas que apareceron nas fachadas de cinco módulos das praias".
Subliñan desde a agrupación sindical que as reivindicacións dos traballadores, "coñecidas polo Concello", están a ser canalizadas por outro tipo de vías. Por iso, esixen que non se vinculen estes actos coas xustas peticións do colectivo e que non empreguen este episodio como "cortina de fume" para distraer a atención sobre un conflito que leva máis dun ano sen resolverse.