O ORAL recadou preto de 123 millóns de euros no 2019
Por Oskar Viéitez
O deputado delegado do ORAL, Carlos López Font, presentou a memoria de actividade no 2019 deste organismo da Deputación de Pontevedra que ten como finalidade informar e asistir ao contribuínte, así como xestionar, liquidar, inspeccionar e recadar os tributos e demais ingresos públicos dos concellos e doutras entidades públicas que o deleguen.
Así, ao longo do ano pasado, e tralo proceso de modernización e mellora do organismo, xestionáronse valores por 217,8 millóns de euros e recadáronse impostos e tributos de 53 concellos e 9 entidades locais, o que amosa, en palabras do deputado, "a confianza dos concellos na xestión do ORAL". Son 1,3 millóns de euros máis que no 2018 e ata 20 máis que no 2015.
En canto ás recadacións, o volume ascendeu no 2019 a 122,9 millóns dos que 96,6 (o 78,6% do total) correspóndense con concellos de menos de 20.000 habitantes. O 87,3% dos cobros, 107,3 millóns de euros, realizouse en período voluntario.
Carlos López Font incidiu especialmente na modernización e esforzos na mellora da xestión do ORAL, que se traducen no aumento da porcentaxe de cobro en período voluntario dos padróns de tributos locais con maior poder de recadación como o IBI (67,6 millóns de euros en total dos que 60 foron en voluntario), as taxas de lixo e auga (20,1 millóns de euros, dos cales 18,5 en voluntario) e o IAE (co 91,5% cobrado en período voluntario). Neste mesmo eido, tamén enxalzou o deputado o aumento "notable" das domiciliacións, con máis de 35.000 nun ano.
Ademais, para López Font foron claves as campañas de información, a web do ORAL estreada o ano pasado e a Oficina Virtual Tributaria lanzada en febreiro do 2019 e que nestos dez meses rexistrou máis de 717.000 transaccións.
O deputado quixo tamén aproveitar a oportunidade para enxalzar o papel do ORAL durante a crise da Covid-19 e agradecer a implicación do persoal. "Tivo unha resposta áxil e efectiva, propia dunha administración moderna e madura, para minimizar o impacto nos concellos e nas persoas contribuíntes", subliñou Font quen destacou, entre outras cuestións, a paralización do calendario fiscal, a flexibilización dos pagos sen xuros, o reforzo das liñas de atención telemática, a posta en marcha da chave segura e a app móbil en colaboración con Abanca para o pagamento dos tributos.
Ademais, durante a crise sanitaria reforzáronse os asesoramentos aos concellos en materia de implantación de medidas fiscais e anticipáronse 63,6 millóns de euros, así como púxose en marcha un fondo extraordinario de anticipos dotado de 21 millóns de euros dirixidos aos concellos.
En canto ás novas iniciativas de cara ao futuro, Font adiantou o lanzamento dunha liña para facer máis doados os pagamentos para a cidadanía e pemes e a aposta por "materializar con seguridade xurídica os incentivos fiscais que os concellos consideren introducir nas súas ordenanzas de 2021".