Os nenos de Meis e Meaño serán atendidos polo pediatra en Baltar durante o verán
Por Redacción
Durante todo o verán, a atención pediátrica aos nenos e nenas de Meis e Meaño vaise a facer desde o centro de saúde de Baltar, en Portonovo. Esta medida, garante o Servizo Galego de Saúde, será provisional ante a falta de profesionais para cubrir as quendas de vacacións.
Esta agrupación sanitaria permitirá, segundo o Sergas, que Baltar dispoña de tres pediatras que atenderán os pacientes de luns a venres, durante os meses de xullo e agosto, facilitando que haxa os menores desprazamentos posibles para pacientes e familiares.
Con todo, os usuarios de Meis que por cuestións de proximidade ou operatividade así o prefiran, tamén poderán achegarse ao centro de saúde de Cambados a recibir atención pediátrica coa mesma garantía asistencial.
Tamén poden optar por recibir a atención infantil para os nenos nos seus centros de saúde habituais. Neste caso, serían atendidos polos médicos de familia que, sinalan desde o Sergas, tamén contan con formación en patoloxías infantís.
Esta medida, segundo as autoridades sanitarias, é obrigada ante a existencia de "paro cero" nesta especialidade, polo que non se dispón de pediatras nas listas de contratación, ao igual que ocorre noutras áreas sanitarias de Galicia e noutras comunidades autónomas.
Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés hai un total de 40 pediatras, que cubren a atención infantil dos 26 concellos da área. Só sete deses pediatras xa atenden a demanda de 15 concellos e de 17 puntos de asistencia médica.
Relacionadas:
-
O Grove reclama reforzos para o centro de saúde ante a chegada dos turistas
Por Redacción |
-
Barro esixe ao Sergas o regreso do pediatra ao seu centro de saúde
Por Redacción |
-
O Sergas proxecta retomar a normalidade da Atención Primaria "a medio prazo"
Por Redacción |
-
Preocupación pola baixa da pediatra de Tenorio: "non é prudente que os nenos teñan que desprazarse ao Hospital Provincial"
Por Redacción |
-
O Sergas prevé a incorporación de 12 efectivos ao cadro de profesionais de Atención Primaria nesta área sanitaria
Por Redacción |