O 061 estrea base nas instalacións do PAC de Marín
Por Anxo Lourido
O servizo de Urxencias Sanitarias-061 estreaba este luns 22 a nova base para a ambulancia de soporte vital básico que se establece no recinto do Punto de Atención Continuada (PAC) de Marín para dar cobertura á contorna do municipio.
Estas instalacións contan cunha superficie de 22 metros cadrados, que se adaptaron para o seu uso. Neste espazo situouse unha zona de descanso do persoal, un lugar habilitado como comedor e un punto de traballo para os nove profesionais que se atopan na base cubrindo as quendas durante as 24 horas do día. Este servizo atópase en funcionamento durante todo o ano, con dous traballadores por quenda, unha decisión que se establecía desde finais de outubro de 2019 ante a demanda deste servizo que se rexistraba en Marín..
José Flores Arias, xerente da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 afirmaba que con esta nova base querían situar a ambulancia de Soporte Vital básico "o máis preto posible dos médicos. E non pode estar máis preto porque está nas instalacións do PAC. A ambulancia cada vez que necesita ser medicalizada, vai ter aos médicos na sala contigua", sinala o responsable do 061 para indicar tamén outras vantaxes: "agora reducimos os tempos de asistencia para a pacientes da área de Marín e conseguimos que estea operativa máis tempo. Cando regresan aos médicos ao PAC, despois dunha asistencia, xa quedan operativos porque é a súa propia base".
Flores Arias indica que as vantaxes que supón a nova base para a poboación son importantes, sobre todo en canto a operatividade ao permitir que o persoal técnico do servizo estea operativo inmediatamente despois de realizar os traslados ao centro de saúde, eliminando tempos de desprazamento a outro punto. A ambulancia de soporte vital básico conta con dous técnicos en emerxencias sanitarias (TES), con capacidade para realizar manobras de soporte vital básico. Portan desfibriladores semiatuomáticos externos.
Á inauguración desta base, que forma parte da Rede de Transporte sanitario urxente de Galicia, asistía, ademais do xerente José Flores Arias, a alcaldesa de Marín, María Ramallo e o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez.