Estudan expedientar a ENCE pola "fuga de gases" que provocou problemas respiratorios na cidade
Por Alejandro Espiño
"Se dentro do marco das competencias do Concello en materia de disciplina se pode abrir, desde logo vaise abrir". Así se refería a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, á posibilidade de que o goberno municipal expediente a Ence polo incidente que ocorreu o pasado domingo nunha das súas caldeiras e que provocou, segundo denunciaron os veciños de Juan Carlos I e A Parda, irritacións respiratorias.
Os servizos xurídicos do Concello analizarán o sucedido por se puidese derivarse algún tipo de responsabilidade ou sanción administrativa. Neste sentido, a concelleira nacionalista sinalou que esperan que a empresa comunique oficialmente as características dun incidente que "se non se chega a facer público por parte do Concello, non dirían nada". Unha actitude que demostra, sinalou, a "opacidade" da empresa.
"Deben avisar ao Concello cando teñen ou máis mínimo incidente", sinalou Carme da Silva, xa que recordou que nun suceso como o ocorrido este domingo "mobilizamos aos recursos de emerxencia municipais a buscar a orixe dun problema que estaba localizado", algo que lles permitiría, ademais, "tranquilizar aos veciños que estiveron moito tempo temendo que houbese unha fuga de gas".
Se Ence non aclara oficialmente o incidente, o Concello reclamará á Consellería de Medio Ambiente que actúe "con contundencia"
Tras reiterar que, a día de hoxe, aínda non se remitiu ao Concello ningún tipo de informe sobre o sucedido, Da Silva adiantou que no caso de que Ence non aclaren oficialmente o incidente "máis aló da nota de prensa que teñen colgada na súa páxina web", reclamarán á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que actúe "con contundencia" e que "se como din están de acordo co traslado, non actúen constantemente para consolidala".
Carme da Silva asegurou que o goberno municipal, no exercicio das súas competencias ambientais e territoriais, "seguirá a poñer todo o seu esforzo en impedir a consolidación do complexo en Lourizan e que abandone canto antes a súa ubicación". Xusto o contrario, asegura, que o Goberno central e a Xunta de Galicia co seu apoio á nova Lei de Costas e que, na súa opinión, supoñerá "unha privatización absoluta dese espazo".
Neste sentido, recordou que grazas á acción dos servizos de disciplina urbanística municipal, "se pudo impedir que se cometeran irregularidades como cando se quería montar a planta de papel tisú". E insistiu en que o complexo industrial está situado "moi preto da poboación e nunha ubicación desastrosa para a ría e seguiremos tratando de que marche canto antes".
Relacionadas:
-
Veciños de Pontevedra quéixanse dun novo escape en ENCE e a empresa négao
Por Anxo Lourido |
-
Os técnicos da Xunta non inspeccionaron ENCE tras o incidente e consideran que é un "episodio puntual de mal olor"
Por Anxo Lourido |
-
ENCE asegura que as súas análises confirman "episodios de cheiros e non problemas respiratorios"
Por Redacción |
-
ENCE pide desculpas polo seu "episodio oloroso" pero asegura que non supuxo "ningún risco" para a cidadanía
Por Redacción |
-
Un incidente nunha caldeira de ENCE provoca irritacións respiratorias en veciños da Parda e Juan Carlos I
Por Alejandro Espiño |