A veciñanza de San Amaro retoma as protestas para esixir melloras na estrada provincial
Por Oskar Viéitez
A Plataforma Veciñal de San Amaro retomou as concentracións de protesta para esixir melloras na estrada provincial EP-0508 entre Curro e A Portela.
A mobilización de protesta coincide co inicio da colocación de tubos nas marxes da estrada, aínda que non coñecen que obras se van facer, como así o manifestan os representantes da plataforma, Manuel Corredoira e Esther Fontán.
O portavoz do Partido Popular, José Suárez trasladou o apoio do grupo municipal ás reivindicacións da veciñanza que pasan pola ampliación da calzada e a instalación dunha rede de sumidoiros, beirarrúas e iluminación, "así como manter o Camiño Portugués que discorre por estas parroquias".
Os veciños xa realizaran concentracións desde o mes de xaneiro, cada quince días co obxectivo de esixir medidas de seguridade "e non parches" para esta estrada. Nunha desas concentracións participaran os deputados do grupo provincial do PP.
A presidenta da plataforma, Esther Fontán, destacou que por esta estrada transitan moitos peóns, xa que transcorre o Camiño de Santiago, polo que os veciños piden medidas de seguridade viaria.
O PP pola súa banda pide ao alcalde de Barro, Xose Manuel Fernández Abraldes "que sexa claro e que fale cos veciños e canalice esta obra facendo caso ás demandas razoables dos veciños da plataforma".
Relacionadas:
-
O PP califica de "parche" a reforma da Deputación na estrada entre Curro e A Portela
Por Redacción |
-
Veciños de San Amaro saen de novo á rúa para reclamar máis seguridade viaria na zona
Por Redacción |
-
Rematan as obras de mellora da seguridade viaria na estrada de Curro a San Amaro
Por Redacción |
-
A plataforma veciñal de San Amaro reivindica melloras na estrada provincial
Por Redacción |