O espazo gastronómico do Mercado homenaxea os sanitarios con descontos
Por Redacción
A asociación de usuarios do Espazo Gastronómico do Mercado de Abastos de Pontevedra renderá esta fin de semana a súa particular homenaxe aos sanitarios do Sergas. Co obxectivo de agradecerlle o traballo realizado durante os momentos máis duros da pandemia, todos os establecementos ofrecerán un 50 % de desconto nas súas consumicións así como elaboracions dedicadas a este colectivo durante o venres e o sábado ao mediodía.
"É un xesto para agradecer os coidados e toda a atención que tiveron durante estes meses e todo o sobreesforzo que tiveron que facer pola Covid-19", declarou Lois Alfaya, propietario da cervexaría O Quiñón.
O único requisito que deben cumprir para acceder aos descontos é presentar a tarxeta identificativa do Sergas que teñen todos os traballadores, explican desde a organización.
Cada un dos locais abertos na primeira planta do mercado ten previsto preparar un prato diferente para ofrecerllo aos sanitarios. No caso da cervexaría, "unha cervexa diferente etiquetada conha etiqueta conmemorativa do evento e na entrada tamén lle daremos un detalle", explica.
O aforo estará tamén limitado a 25 mesas para garantir que se cumpra a distancia de seguridade entre persoas. Algo que non supoñerá ningunha dificultade dada a amplitude deste espazo, algo que desde a asociación de usuarios considérano como un atractivo extra que non poden ofrecer outros restaurantes da cidade.