Detido por agredir á súa ex parella, da que tivo unha orde de afastamento, nun piso da rúa Oliva
Por Natalia Puga
Axentes da Policía Local de Pontevedra detiveron a pasada madrugada un veciño da cidade por presuntamente agredir a súa ex parella, unha muller da que tivera no pasado unha orde de afastamento por antecedentes previos por violencia de xénero. Nesta ocasión, golpeouna nun piso de aluguer por habitacións da rúa Oliva.
Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, os feitos sucederon sobre as 1.15 horas da madrugada e a Policía Local tivo coñecemento do que sucedía porque foi alertada por chamadas de veciños tanto da propia rúa Oliva como da rúa Andrés Mellado.
Os veciños chamaron porque se estaba producindo unha forte discusión e unha patrulla da Policía Local desprazouse ata a zona. Unha das inquilinas do inmoble no que se produciron os feitos indicou que a discusión comezara facía tres horas e que se produciran outras similares en días anteriores.
Os axentes entrevistáronse coa muller agredida, que explicou que o presunto agresor é a súa ex parella, coa que ten dous fillos en común que nese momento se atopaban cos pais dela.
Segundo o seu relato, golpeouna no peito, nos brazos e na cara. Os policías puideron comprobaron que había evidencias dun moratón e pequenas feridas no peito da muller, polo que se solicitou unha ambulancia para a súa valoración e posterior traslado ao PAC da Parda.
Unha vez consultados os antecedentes policiais do presunto agresor, compróbase que ten reseñas de violencia de xénero contra a ex parella e unha orde de afastamento que xa non está en vigor.
A Policía Local prodeceu á súa detención e traslado a Comisaría Provincial da Policía Nacional.