Catorce establecementos de Cuntis xa ofrecen os seus menús en formato dixital
Por Redacción
O Concello de Cuntis comezou a entregar entre os establecementos de hostalería da localidade os códigos QR mediante os que se dixitalizaron as súas cartas para facilitar a adaptación á normativa actual contra a Covid-19, que non aconsella o uso de cartas individuais.
Esta iniciativa enmárcase dentro dos programas municipais postos en marcha en apoio do sector e tivo unha excelente acollida entre o gremio de bares e restaurantes de Cuntis. En total, foron 14 os locais que xa dixitalizaron as súas cartas acolléndose á proposta do Concello que se ofreceu de maneira totalmente gratuíta.
Mediante os códigos QR os bares e restaurantes ofrécenlles xa aos seus clientes unha carta segura e visible dende o teléfono móbil sen necesidade de que sexa necesario tocar fisicamente unha carta compartida que poida aumentar a posibilidade de contaxio. Esta ferramenta permítelle ao sector extremar as medidas hixiénicas e de prevención que recomendan as autoridades sanitarias e, ao mesmo tempo, optimiza o traballo do persoal xa que non terá que desinfectar as cartas tras cada un dos seus usos.
O alcalde, Manuel Campos, expresou a súa satisfacción polo bo recibimento do sector da hostalería a esta iniciativa "coa que queremos seguir axudando aos negocios a adaptarse á nova normalidade e favorecer que Cuntis sexa un destino seguro este verán".