Entre banderillas, un bastón perigoso e un condutor á fuga: o San Xoán máis atípico de Poio
Por Redacción
Poio está a vivir este ano 2020 o seu San Xoán máis atípico. É unha das festas grandes do municipio e cada ano celébrase con todas as honras con actos lúdicos e relixiosos que teñen como protagonistas as fogueiras multitudinarias. Nesta ocasión, a pandemia do coronavirus impediu a celebración habitual e limitou as cacharelas ás iniciativas particulares, pero, ante a previsión de que moita xente quixera festexar o día, a Policía Local realizou un operativo especial.
Como resultado deses controis, segundo a información facilitada polo Concello, os axentes de Poio interviron un bastón perigoso, tres banderillas que resultaban perigosas para a integridade física e 2,100 gramos de cocaína. Todos os propietarios destes obxectos foron denunciados pola vía administrativa.
Ademais, en materia de tráfico, detectaron un condutor que se deu a fuga nun control establecido en Campelo e, cando lograron interceptalo, deu positivo en consumo de drogas. Ademais, localizaron outros dous condutores que deron positivo en consumo de drogas y un que conducía dando positivo en alcohol.
Outro condutor foi denunciado por ter o permiso caducado, dous vehículos foron interceptados en circulación sen seguro e outros dous sen ITV. Os policías tamén procederon a inmobilizar dous turismos.
O control das fogueiras foi intenso e as chamadas veciñais tamén. Así, os policías acudiron a dúas privadas das que os veciños se queixaran porque tiñan demasiado lume, pero que resultaron estar totalmente legais.
Os policías tamén procederon a retirar tres veladores colocados sen autorización na praia da Cabeceira e dúas barbacoas igualmente ilegais, unha no porto de Campelo e outra na praia da Canteira, en Combarro.
En xeral, o Concello constata un bo comportamento da cidadanía, que seguiu as normas establecidas e se centrou na celebración de fogueiras privadas. Nas praias non houbo ningunha incidencia nin se descontrolou ningún lume particular.
Xa pola mañá, o San Xoán de Poio celebrou a súa tradicional misa de San Xoán Bautista no Mosteiro e, ao seu remate, a Banda de Música de Arcade (Soutomaior) deu un concerto e o Goberno local realizou unha recepción oficial.