A praza de Santa Teresa de Jesús Jornet estrea imaxe: xardíns renovados e nova varanda
Por Redacción
A praza de Santa Teresa de Jesús Jornet xa amosa a súa nova imaxe e pode darse por rematada a reforma integral do espazo, unha intervención que supuxo un investimento global de máis de 40.000 euros.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, achegouse esta xoves ata a praza en compañía dos veciños do barrio e do xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, para supervisar o resultado do paquete de actuacións co que o seu departamento renovou este espazo urbano.
As obras supuxeron un cambio de imaxe coa renovación vexetal e paisaxística das súas zonas verdes acometida nos últimos días como colofón a outros traballos desenvolvidos dende principios de ano.
Incluíron o peche perimetral de toda a praza cunha varanda, mellorando as condicións de seguridade para que os nenos poidan xogar con tranquilidade; a instalación de oito bancos e dúas cadeiras de mobiliario urbano; e a renovación de diversas papeleiras que se atopaban en estado de deterioro. Ademais, supuxo a impermeabilización de toda a superficie para previr filtracións de auga e o seu pintado cunha pintura antiesvarante de cor vermella, así como unha limpeza en profundidade con auga a presión.
Iván Puentes explicou que o plan de humanización e posta en valor da praza de Santa Teresa de Jesús Jornet, contratado á firma Jara Jardinería Calvarro SL, rematouse nas últimas semanas mellorando o estrato arbóreo e potenciándoo coa plantación dalgunha árbore singular.
Entre as flores, arbustos e plantas empregados para o proxecto de axardinamento inclúense unha ducia de tipoloxías diferentes, ademais dalgunha árbore de carácter singular.
Relacionadas:
-
Medio Natural roza a vella pasarela de 12 de Novembro para construír un parque o próximo ano
Por Redacción |
-
A nova normalidade sáelle máis cara ao departamento de Parques e Xardíns
Por Redacción |
-
Novo avance na rexeneración do parque de Santa Teresa de Jesús Jornet
Por Redacción |
-
Instalan os primeiros elementos de mobiliario da nova praza de Santa Teresa de Jesús Jornet
Por Redacción |
-
Crearán un novo xardín en Santa Teresa de Jesús Jornet para mellorar a imaxe do barrio
Por Redacción |
-
A renovación paisaxística da praza de Santa Teresa de Jesús Jornet será unha realidade a finais de setembro
Por Redacción |