Envorca co seu coche ao esquivar un gatiño
Por Oskar Viéitez
Unha condutora resultou ilesa despois de sufrir un accidente co coche que conducía na vía de alta capacidade VG-4.3, ao seu paso polo concello de Vilanova de Arousa. O accidente rexistrábase ao redor das 15.10 horas deste xoves 25.
Segundo informaron desde o Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados o accidente produciuse ao dar un volantazo a condutora tratando de esquivar a un gatiño que se atopaba en metade da estrada.
Afortunadamente a muller resultou ilesa, igual que o micho, pero o coche resultou danado quedando envorcado sobre o seu teito coas catro rodas cara arriba.
Ao lugar do suceso acudiron efectivos de Protección Civil de Vilanova de Arousa, axentes da Garda Civil de Tráfico e persoal do servizo de Mantemento de Estradas.
Segundo datos da Dirección Xeral de Tráfico o ano pasado contabilizáronse en Galicia preto de cinco mil accidentes pola irrupción de animais na estrada, pero a maioría, case 3.300, foron causados pola irrupción de xabarís.