Qué fago coas mascarillas e luvas usadas?
Por Oskar Viéitez
Co obxectivo de lograr unha xestión correcta dos novos residuos sanitarios de uso doméstico que utiliza a cidadanía para protexerse da Covid19, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou este venres a posta en marcha dunha nova campaña de información para evitar danos ao medio ambiente.
A crise sanitaria provocou grandes transformacións a nivel doméstico tanto nas pautas de consumo como na clase de residuos que se xeran en millóns de fogares.
Co lema de "Responsabilízate", a presidenta provincial presentou a campaña que apela directamente á responsabilidade individual, "máis necesaria que nunca", á hora de desfacerse do material de protección como mascarillas, luvas ou os botes de hidroxel que teñen que depositarse nos contedores correctos.
Con imaxes de impacto que mostran praias, parques e bosques onde non se pode arroxar o material sanitario, "Aquí non", a campaña da Deputación lembra que mascarillas e luvas non son reciclables e deben depositarse no contedor de descarte, de cor verde ou gris, segundo o municipio; tamén, que os botes baleiros de xeles desinfectantes deben deixarse no contedor amarelo xunto ao resto de envases de produtos de limpeza.