A Policía Autonómica inicia esta fin de semana os controis en terrazas, festas e verbenas do Salnés
Por Redacción
Esta fin de semana comeza a intervención específica dos axentes da Policía Autonómica para inspeccionar e controlar que se adoptan as medidas establecidas polas autoridades sanitarias para evitar que se propague a crise sanitaria provocada pola Covid-19.
Por este motivo, destinaranse efectivos e recursos a controlar que se adoptan todas as medidas vixentes. Sobre todo, os axentes moveranse polos municipios turísticos e costeiros, onde se espera unha maior presenza de persoas en espazos públicos.
Tamén centrarán a súa vixilancia en que se cumpra coas medidas de límite de capacidade de persoas en terrazas ao aire libre, en festas, verbenas e noutros eventos populares como atraccións de feiras ou actividades de lecer.
Os axentes, en coordinación con outras forzas e corpos de seguridade, informarán e, en caso de incumprimentos, realizarán propostas de sanción ante o órgano que corresponda se se detecta que se saltan as normas en centros comerciais, mercados, piscinas, hoteis, parques ou vehículos de transporte. Vixiarán que se mantén a distancia interpersoal, a hixiene e o acondicionamento.
Tamén seguirán controlando o consumo de alcol por parte dos menores ou o cumprimento de horarios de apertura e peche. Ademais de en a zona do Salnés, 78 efectivos da Policía Autónima desprazaranse durante a noite polas zonas do Barbanza, A Coruña, Mariña Lucense, Ourense e Val Miñor.