Pontevedra solicitará á Xunta unha achega de 1,7 millóns de euros para Servizos Sociais
Por Redacción
A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, solicitaralle á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia unha achega económica de 1,7 millóns de euros para a cobertura do Proxecto Anual de Servizos Sociais Comunitarios Municipais do Concello de Pontevedra para o ano 2020.
A programación anual dos Servizos Sociais, cuxo orzamento global supera os 3,6 millóns de euros, irá este luns a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación, como paso previo para solicitarlle á Administración autonómica o seu cofinanciamento.
Non obstante, Paloma Castro amosa a súa preocupación "ante o anuncio da Xunta de Galicia de que apenas destinará este ano de xeito extraordinario 1,2 millóns de euros para servizos sociais, cando veñen de recibir máis de 17 millóns do Fondo Social Extraordinario do Goberno do Estado".
"O Concello de Pontevedra está a asumir os custes dunhas competencias que, en virtude do artigo 27.23 do Estatuto de Autonomía de Galicia, son de carácter autonómico. Facendo gala da cara de formigón armado á que nos ten acostumados, o señor Feijoo non dubida en presumir acotío das súas competencias en servizos sociais, cando en realidade non as exerce nin dota aos concellos dos recursos necesarios para facelo. Uns recursos que, por certo, eles si reciben do Estado", subliña a concelleira socialista.
En base ao Proxecto Anual que o luns aprobará a Xunta de Goberno, case un millón de euros dos 3,6 do orzamento do Proxecto Anual de Servizos Sociais Comunitarios Municipais para 2020 está destinado a persoal (un total de 20 traballadores), e os restantes 2,6 millóns ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e á xestión de diferentes programas: información e orientación, apoio á unidade convivencia, aloxamento alternativo, actuacións específicas de prevención e inserción e prestacións complementarias.
En concreto, destínanse ao SAF 1.659.900 euros e aos restantes programas 995.214,17 euros.
Castro teme que a Xunta de Galicia non vaia asumir máis de 185.000 euros da programación anual de Servizos Sociais Comunitarios do Concello capitalino.
Relacionadas:
-
Pontevedra terá 63.108 horas anuais máis de Axuda no Fogar, un incremento do 52,63%
Por Redacción |
-
Benestar Social aumentará en 165.000 euros o seu orzamento para afrontar os gastos excepcionais derivados da crise sanitaria
Por Redacción |
-
Aprobado o convenio municipal para financiar o albergue de Calor e Café
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra tamén clama uns servizos sociais públicos e de calidade
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Estiman que 15.000 fogares pontevedreses recibirán o ingreso mínimo vital
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |