Os sindicatos reclaman un pacto político para superar a crise derivada da Covid-19
Por Manu Otero
Traballadores de diversos sectores do mercado laboral e representantes dos principais sindicatos do país, Comisións Obreiras e UXT, concentráronse na mañá deste domingo nas escaleiras do edificio da Subdelegación do Goberno para esixir á clase política un pacto social que axude a todos os españois a superar a crise económica derivada da pandemia da Covid-19.
Pasadas as doce do mediodía, os manifestantes foron chegando ao lugar da concentración para, cunha separación de dous metros e equipados coas máscaras obrigatorias, despregar unha pancarta na que podía lerse: "Por un pacto para a reconstrución social".
Alí permaneceron máis dunha vintena de persoas durante máis dun cuarto de hora, no que coa lectura dun manifesto insistiron na necesidade de aplicar políticas sociais e fuxir da crispación que durante as últimas semanas está a reinar no Congreso dos Deputados.