Unha pelexa na cola do probador de Zara acaba con tres mulleres en Urxencias
Por Natalia Puga
Unha pelexa iniciada ao redor das oito da tarde do sábado ás portas do probador da tenda de Zara das rúas Sagasta e Benito Corbal acabou con tres mulleres atendidas no servizo de Urxencias do Hospital Montecelo e en polo menos unha denuncia por agresión na Comisaría.
Segundo o relato das testemuñas presenciais cos que se entrevistou a Policía Local de Pontevedra, a orixe do incidente foi a actitude dunha muller de 30 anos que pretendía entrar no probador da tenda con máis pezas das autorizadas e reaccionou con violencia.
Así, levaba na man seis prendas, pero desde que este establecemento reabriu na desescalada, e froito da pandemia do coronavirus, agora a política de Inditex é que tan só se autorice pasar con catro prendas. A dependenta que controlaba o acceso ao probador comunicoulle á moza esta decisión e ela reaccionou tirándolle as dúas pezas restantes á cara.
Esta reacción da muller, que tirou as pezas "de malas maneiras", espertou a reacción doutra muller de 61 anos que estaba na cola e que a reprendeu pola súa actitude. A primeira clienta non se tomou ben a 'bronca' e respondeu empuxándoa e dándolle unha labazada que lle deixou a cara vermella.
Ademais, froito do impacto, caeu ao chan e, cando estaba alí, segundo relataron as testemuñas á Policía Local, deulle unha patada. Tras esta agresión, unha terceira clienta entrou en escena, recriminoulle a súa actitude e tamén ela recibiu golpes, aínda que no seu caso non se concreta de que natureza.
O incidente derivou nun aviso á Policía e ata o lugar trasladáronse varias patrullas e unha ambulancia. Os policías locais levantaron atestado do sucedido e todo foi remitido á Comisaría Provincial da Policía Nacional, onde se formalizou polo menos xa unha denuncia pola agresión.
En canto á ambulancia, prestou atención ás dúas mozas agredidas pola primeira clienta e trasladounas ao servizo de Urxencia do Hospital Montecelo. Pouco despois, tamén a primeira das clientas, a que segundo as testemuñas iniciou as agresións, trasladouse a Montecelo e referiu que recibira golpes durante o incidente.
O incidente rexistrouse a unha hora na que as rúas Sagasta e Benito Corbal estaban moi concorridas e derivou en que moita xente se concentrara ás portas do establecemento para saber que sucedera.