A Policía Local de Poio tramitou un total de 333 denuncias por incumprir o confinamento
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio tramitou 333 denuncias por incumprimento do estado de alarma durante o tempo no que permaneceu vixente, desde a súa aprobación o 14 de marzo ata a finalización da desescalada o pasado 15 de xuño.
Tan só 20 das mesmas foron protagonizadas por persoas reincidentes, é dicir, sobre as que pesaba máis dunha denuncia por non respectar o confinamento. Este é un dos datos que demostra o "comportamento impecable da cidadanía a longo de todos estes meses", tal e como sinalou a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, que expresou o seu agradecemento á veciñanza por este "comportamento exemplar", ademais de incidir na necesidade de continuar facendo esforzos para evitar posibles rebrotes e situacións de risco.
Os controis policiais, en colaboración coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra, tamén foron unha constante desde o inicio do estado de alarma. En total, controláronse 6.000 vehículos e identificáronse a 2.500 persoas.
O corpo de seguridade municipal atendeu máis de 4.500 chamadas que se recibiron a través do número de teléfono habilitado para resolver dúbidas relacionadas co estado de alarma. Tamén se deu reposta a máis de 4.000 mensaxes.
No apartado de denuncias xudiciais, tramitáronse 37 de carácter penal, con cinco detidos (dous por roubo e tres por casos de violencia de xénero). Ademais, investigáronse once roubos e cinco casos de violencia doméstica.