Satse advirte a Sanidade de fomentar o intrusismo ao outorgar competencias a profesionais da Educación Física para deseñar programas de saúde
Por Redacción
O Sindicato de Enfermería, SATSE, protesta polo proxecto promovido pola Xunta Fichas de Prescrición de Exercicio Físico en Patoloxías que consideran que supón unha situación de intrusismo laboral ao ser elaborado por titulados en Ciencias da Actividade Física e o Deporte sen ter en conta a valoración de profesionais sanitarios de Fisioterapia.
Desde o sindicato lembran que "a Lei de Ordenación das Profesións Sanitarias indica que corresponde aos profesionais en Fisioterapia a prestación dos coidados propios da súa disciplina, a través de tratamentos con medios e axentes físicos, dirixidos á recuperación e rehabilitación de persoas con disfuncións ou discapacidades somáticas, así como á prevención das mesmas, por tanto deben ser estes profesionais os encargados de elaborar un plan de exercicio para aqueles individuos que presenten algunha patoloxía, pero nunca os profesionais da actividade física e do deporte, quen debe ser os encargados de establecer plans de exercicio, pero para as persoas sas", rematan nun comunicado.
É por iso que o sindicato que engloba aos profesionais de Enfermería e aos de Fisioterapia entende que este documento trata de outorgar a profesores ou instrutores de Educación Física competencias e actuacións reservadas aos profesionais sanitarios do ámbito da fisioterapia. Neste sentido remarcan que o fisioterapeuta é o único profesional sanitario que conta coa habilitación legal e a capacidade académica adecuada para a realización das devanditas funcións e técnicas rehabilitadoras.
Nun escrito remitido xa á Consellería de Sanidade, o sindicato critica que "se responsabilice a un profesional que non ten carácter sanitario da prescrición de actividade física e de recuperación vinculada a patoloxías" e advirten que Sanidade "podería incorrer, deste xeito nun ilícito penal por intrusismo profesional", conclúen.