Un novo caso activo de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que suma dez
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contabiliza este martes un total de dez casos activos de coronavirus, un máis que este luns e segundo incremento en tres días, pois, tras varias xornadas estancada en oito positivos, o sábado subiu a nove e este martes a dez.
Segundo a última actualización de datos realizada polo Servizo Galego de Saúde, este último día de xuño hai un caso máis, pero a área sanitaria mantense sen pacientes con coronavirus hospitalizados en planta ou en unidades de coidados intensivos, nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin en QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra.
Desta forma, os dez casos que permanecen activos en toda a área sanitaria evolucionan nos seus domicilios.
Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 curáronse 893 pacientes, cifra sen cambios desde fai dez días, desde o 20 de xuño. Ata o de agora faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
Segundo a última actualización da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 314, deles 70 son da área da Coruña, 49 da de Lugo, 21 da de Ourense, 10 da de Pontevedra, 129 da área de Vigo, 24 da de Santiago, e 11 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 4 están en unidades de hospitalización e 310 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.623 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 182.174 e tan só hai un caso activo de coronavirus en centros residenciais de servizos sociais de Galicia. Dos 314 casos positivos na comunidade, un é un profesional dun centro residencial. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Relacionadas:
-
Galicia rexistra un total de 254 casos activos por coronavirus, dous na área de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Sen cambios na situación epidemiolóxica da área sanitaria: dez pacientes con coronavirus en seguimento domiciliario
Por Natalia Puga |
-
Rexístrase un novo caso activo de Covid-19 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Por Redacción |