Optimismo na Deputación polo funcionamento do Polígono de Barro
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou o seu optimismo polo funcionamento do polígono de Barro no transcurso da visita que realizou este martes a este espazo industrial acompañada do alcalde do municipio, Xosé Manuel Fernández Abraldes, da deputada de Promoción Económica, Ana Mejías, e do deputado de Cooperación, Santos Héctor.
Carmela Silva mostrou a súa satisfacción ante a "intensa actividade empresarial" no Polígono, no que actualmente tres novas parcelas, das 8 que se venderon no último ano, están a desenvolver obras de construción para levantar as súas naves industriais.
A presidenta sinalou que "ter empresas asentadas no territorio é a garantía de futuro e nisto temos que traballar e apostar as administracións públicas".
"Estanse a construír novas naves e, polo tanto, economía. Dicir isto no momento que estamos a vivir énchenos de optimismo porque as empresas queren tirar para adiante, e temos que apoialas", engadiu Silva.
Pola súa banda o alcalde de Barro amosou a súa alegría por ver que "despois da situación tan difícil que temos vivido todo segue funcionando: as empresas seguen investindo, creando postos de traballo, e continúan os proxectos industriais ligados ao polígono".
Nos últimos tempos fixéronse obras para a reposición do cableado do alumeado, que esta semana se amplían á zona E; rozáronse as parcelas da institución; repuxéronse elementos e a sinalización horizontal; e, a mediados de mes, asinarase a adxudicación do novo aparcadoiro público que fará a Deputación para 110 prazas.
O VIVEIRO DE BARRO
Carmela Silva e Xosé Manuel Fernández tamén visitaron as instalacións do viveiro, que "vai como un tiro e cunha ocupación que só nos dá alegrías" co 100% de ocupación das naves, incluso con empresas en lista de agarda, e un 80% das oficinas.
A presidenta e o alcalde visitaron tamén o novidoso DepoFabLab, laboratorio de fabricación dixital, "un exemplo de innovación e tecnoloxía", e mantiveron un encontro co equipo asesor do punto SmartPeme e coa coordinadora da quinta edición do coworking que a Deputación fai coa Escola de Organización Industrial.
Carmela Silva amosou o seu orgullo polo "éxito" da quinta edición do coworking: "a primeira que fixemos online e que está a funcionar moi ben, con 21 persoas traballando en total". O punto de SmartPeme no Viveiro de Barro triplicou o número de asesoramentos a empresas durante o estado de alarma, así como o das persoas que asisten aos obradoiros online.
Relacionadas:
-
Transfrío recibe a licenza municipal para asentar o seu centro loxístico en Barro
Por Oskar Viéitez |
-
Frutas Moncho adquire unha segunda parcela no polígono de Barro
Por Oskar Viéitez |
-
O 'Demoday' do coworking de Barro pon un fin presencial á tutela de iniciativas emprendedoras a través da telemática
Por Redacción |
-
O PP provincial alerta do perigo e o abandono do polígono industrial de Barro
Por Redacción |
-
O viveiro do polígono de Barro roza o cheo coa incorporación de dous novos proxectos
Por Redacción |
-
O novo obradoiro de Panaderías Acuña no polígono de Barro estará operativo en 2022
Por Oskar Viéitez |
-
Mafari Café compra tres parcelas no polígono de Barro para montar o seu centro loxístico
Por Oskar Viéitez |