Un estudo identifica 178 especies diferentes nos ríos Umia e Bermaña
Por Oskar Viéitez
O Concello de Caldas de Reis deu un avance dos resultados do estudo preliminar de asesoramento técnico encargado para poder acometer accións de mantemento dos cursos e entornos fluviais dos ríos Umia e Bermaña ao seu paso polo termo municipal. O documento, no que se segue a traballar, está sendo elaborado baixo a dirección do doutor, Pedro Calaza en coordinación co Grupo Naturalista Hábitat.
Entre as conclusións de maior interese, sobresae a diversidade biolóxica en canto a especies e hábitat que é segundo o traballo "destacable" ao contabilizárense 178 especies e taxóns diferentes. Unha primeira catalogación que xa se iniciou o ano pasado sitúa 87 na zona de Segade, 31 na zona do Xardín Botánico, 67 na zona do paseo fluvial do Umia, 13 na Ponte Romana e 23 no biotopo da península da Baxe.
O valor ambiental e biolóxico do espazo vén marcado pola conxunción da diversidade biolóxica e a súa accesibilidade ao estar inserido no propio casco urbano da poboación. Ademais, destaca a presenza de especies singulares e recollidas baixo o epígrafe de "vulnerable" no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, como a ra patilonga (Rana iberica), que ten presenza incluso na zona urbana de Caldas.
Tamén son significativas a libeliña (Trithemis annulata), a lavandeira real (Motacilla cinerea), ou, en especies vexetais, a lingua de boi (Pentaglottis sempervirens) e a herba da prata (Ranunculus peltatus).
A riqueza biolóxica presente nos cursos do Umia e Bermaña ao seu paso polo termo municipal "esixe da súa protección e coidado", segundo o Concello, en calquera acción que poida afectar ao estado dos ríos como é a limpeza e acondicionamento das canles.
O Concello desenvolverá ata o mes de outubro, de maneira coordinada con Augas de Galicia, un programa de acondicionamento, conservación e limpeza dos diferentes cursos e marxes fluviais de Caldas de Reis co obxecto de mellorar o seu estado e favorecer as condicións naturais e o equilibrio dos ríos.