Cuntis quere ser sede da próxima asemblea da 'Rede de Gobernos Locais + Biodiversidade'
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, participou este martes na IX Asemblea da 'Rede de Gobernos Locais + Biodiversidade' e ofreceuse a que o municipio acolla a vindeira asemblea do organismo, que terá lugar o próximo ano.
Manuel Campos sinalou que acoller este evento nun momento no que as políticas ambientais deben ser unha prioridade para calquera administración, "significaría unha gran oportunidade" para visibilizar en Cuntis e en toda Galicia a problemática actual de perda de biodiversidade e concienciar sobre a necesidade de actuar en medidas que protexan e contribúan a recuperar os nosos ecosistemas
Tamén indicou que a asistencia ao evento de moitos representantes políticos e técnicos serviría para a dinamización social e económica de Cuntis, que "garda todas as condicións para organizar a asemblea con todas as garantías e comodidades".
Esta Rede é unha organización pertencente á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que ten por obxecto promover a nivel municipal políticas dirixidas á conservación da biodiversidade á protección dos sistemas hídricos e á restauracións dos medios naturais degradados.
A reunión celebrada este martes foi telemática por mor da Covid-19 e os seus integrantes aprobaron a memoria de xestión do ano 2019, así como aprobación do Programa de Actuacións para o ano 2020. Tamén se abordou a situación actual dos diferentes grupos de traballo pertencentes ao organismo e as propostas de colaboración con entidades como ASEJA, AEPJP; Ecoembes ou SEO/Birdlife, entre outras cuestións.